A Bandeira Cidade da Coruña abre a Liga Estatal de Traíñas

O certame estenderase durante toda a fin de semana.
Carmen González e Juan Ignacio Borrego presentaron a proba. (Foto: Turismo da Coruña).
photo_camera Carmen González e Juan Ignacio Borrego presentaron a proba. (Foto: Turismo da Coruña).

A Bandeira Cidade da Coruña será a primeira proba do calendario tanto da Eusko Label Liga como da Euskotren Liga, as competicións de traíñas máis importantes do Estado español. Os 12 equipos da competición masculina, así como os catro da feminina, tratarán de conseguir o primeiro trofeo da tempada, que comeza este sábado e se estenderá durante toda a fin de semana.

O evento arrancará ás 17.40 horas, cando as catro tripulacións da Euskotren Liga competirán pola primeira vitoria da tempada. Así, Orio Orialki, Donostiarra Lacturale, Donostia Arraun Lagunak e Hondarribia Bertako Igogailuak loitarán por vestir o mallot de líder. Unha vez acabada a regata feminina, será a quenda da Eusko Label Liga.

No caso da V Bandeira Cidade da Coruña, o sorteo de quendas realizada na presentación da tempada decidiu a orde para esta primeira regata. Así, na quenda inicial competirán Ondarroa Cikautxo, Go Fit Hondarribia, Zierbena Baías de Bizkaia e Bermeo Urdaibai Avia. Na segunda, Lekittarra Elecnor, Ares, Orio Orialki, Santurtzi Transportes e Gruas Augado. E por último, na quenda final, bogarán Tirán Pereira, Cabo da Cruz, Donostiarra Amenabar e Zarautz Gesalaga-Okelan.

Xa o domingo, a xornada iniciarase ás 11.40 horas coa disputa da regata da Euskotren Liga, e a continuación farán o propio as traíñas da Eusko Label Liga. As quendas do domingo organizaranse con base nos resultados da xornada do sábado, saíndo últimas as embarcacións con mellor tempo e resultando gañadora a suma dos tempos en ambos días.

As traíñas, un "deporte tradicional galego"

A herculina Praza de María Pita acolleu hoxe a presentación da Bandeira Cidade da Coruña nun acto onde participaron Juan Ignacio Borrego, concelleiro de Turismo coruñés, e Carmen González, directora de Comunicación e Patrocinios da Asociación de Clubes de Traíñas (ACT).

Borrego definiu as traíñas como "un deporte tradicional galego" que supón, ademais, un "aliciente fantástico" en canto á promoción turística.  Pola súa banda, González engadiu que desde a ACT agardan que "os e as afeccionadas gocen da dobre xornada da Bandeira da Coruña seguindo todas as recomendacións sanitarias".  

Comentarios