O Atlético Guardés afianza a súa muralla

Renovación de Carla Gómez e Estefanía Descalzo, bastións da defensa.
guardes_descalzogomez
photo_camera Descalzo, co dorsal 13, e Gómez bloquean o disparo dunha rival (Atlético Guardés)

O Atlético Guardés garantiuse a continuidade de dous piares básicos para fechar o equipo da próxima tempada 2021-22. O club chegou a un acordo con Estefanía Descalzo (Valencia, 1990) e Carla Gómez (Sant Antoni de Vilamajor, Barcelona, 1991) para prolongar os seus contratos e continuar defendendo as cores do equipo miñoto, desde o centro da súa defensa.

Para a catalá, unha das xogadoras que máis tempo leva no equipo, será a súa quinta tempada na Sangriña. A pivote é unha referencia no vestiario para todas as súas compañeiras. E tamén sobre a pista. 

Porque, ademais de exercer á perfección o seu papel de escudo no centro do 6.0, habitualmente ten unha participación activa en ataque durante os minutos en que compaxina ambas as dúas facetas. Nas dúas desenvólvese con poderío grazas aos seus 1,81 metros de altura, que a converten nunha xogadora moi dominadora na liña.

Defensa tamén sobre a Covid

A valenciana é a súa compañeira habitual na zona ancha do tramado 6.0. E aínda que pode ofrecer cousas positivas de cara á portería contraria a nivel ofensivo, normalmente xogando na posición de lateral, a súa achega de quilates para o colectivo chega fronte a meta propia: é unha especialista defensiva. 

Descalzo alcanzará a súa terceira tempada consecutiva na Guarda, onde chegou procedente da súa Valencia natal. Alí compaxinaba o balonmán co seu labor profesional como enfermeira, traballo que retomou co estalido da pandemia da Covid-19 o ano pasado.

"Que volva arder o Inferno"

"Estou moi contenta de seguir outro ano máis no Atlético Guardés", declarou a xogadora valenciana. Un sentimento compartido pola  barcelonesa: "É como estar na casa". 

Ademais, ambas as dúas xogadoras amosáronse convencidas das grandes posibilidades que ten o equipo que fecha o club coa súa renovación para a próxima tempada 2021-22. "Temos un equipo moi completo e todas xuntas podemos facer cousas moi grandes", manifestou Carla Gómez. 

"Seguro que vai ser un ano moi bonito", apuntou Estefanía Descalzo. "Estamos desexando volver ver A Sangriña chea coa nosa afección e que volva arder o Inferno", desexou pola súa banda a pivote catalá. 

Comentarios