As atletas galegas asinan unha actuación inesquecíbel no Estatal

Peleteiro, Toimil, Gil e Ben suben ao máis alto do podio
Belén Toimil consolídase como unha das mellores lanzadoras do mundo (Foto: RFEA).
photo_camera A lanzadora Belén Toimil alcanzou os 18,52 metros, pulverizando o récord de España. (Foto: RFEA).

Un total de seis medallas, 19 postos de finalistas e tres récords é o extraordinario balance das atletas galegas que participaron en Xetafe no Campionato de España Absoluto de Atletismo.

Os metais chegaron na súa maior parte da man dunhas mulleres que están a revolucionar as súas respectivas disciplinas: Leticia Gil, Belén Toimil e Ana Peleteiro. A primeira foi quen de voar até os 6,69 metros, pulverizando o récord galego de salto de lonxitude e superando Fátima Diame, a gran favorita, na loita pola medalla de ouro.

Pola súa banda, Belén Toimil deixou constancia desde o primeiro intento da súa enorme superioridade, xa que lanzou a bóla até 18,52, conseguindo así a mellor marca española de aire libre de todos os tempos. O seu liderado nesta disciplina é tan indiscutíbel que avantaxou en máis de dous metros á segunda clasificada, a murciana Úrsula Ruíz, que só foi quen de alcanzar os 16,31.

E con respecto a Ana Peleteiro, esta tomaba parte neste campionato como un test previo aos xogos de Tokio. A de Riveira, moi centrada, saltou moi ben nun concurso moi regular no que tivo que agardar até o sexto intento para alcanzar a súa mellor versión, momento no que chegou até os 14,61 metros, cifra que representa a súa Mellor Marca Persoal (MMP) e un novo récord dos campionatos.

Ademais, e aínda que non puido gañar, a lanzadora de xavelina Menchu Sánchez foi quen de superar con nota a difícil tarefa de substituír á lesionada Lidia Parada, pois no seu primeiro e único intento válido lanzaba até uns 47,81 metros que lle fixeron merecedora da medalla de bronce.

Adrián Ben, un ouro que sabe a Xogos Olímpicos

Non só as mulleres trouxeron alegría á afección galega nos campionatos de España disputados en Xetafe, pois o cuarto e último ouro conseguiuno un home, concretamente Adrián Ben nos 800 metros lisos.

O mediofondista lucense chegaba á proba nun gran momento de forma e co obxectivo de certificar a súa presenza olímpica en Toquio, facendo bos os prognósticos de máximo aspirante ao título co seu tempo de 1.47.07, co que lograba ambos as súas metas.

Tamén o veterano Jean Marie Okutu demostrou que continúa a un excelente nivel, pois o olímpico e seis veces campión de España ao aire libre volveu deixar constancia da súa enorme calidade e excelente regularidade, logrando cun salto de 7,74 metros un bronce que ben puido ser un ouro, pois no seu primeiro intento superou a barreira dos oito metros, mais declarárono nulo por moi pouco.

E se ben non puideron regresar de Madrid cunha medalla, moitas outras atletas galegas ofreceron un excelente rendemento no Estatal. É o caso do plusmarquista galego dos 100 metros lisos, Mauro Triana, quen cun tempo de 10,50 segundos clasificou para a gran final, finalizando en sétimo lugar.

Adi Iglesias estabeleceu un novo récord galego dos 100 metros lisos con 11,83, desbancando a Ana Peleteiro e confirmando así o seu favoritismo nos inminentes Xogos Paralímpicos de Toquio 2021.

Nos 800 metros, Pedro Osorio entrou nunha final da que quedou ás portas Elian Numa, facendo o propio Laura Santos na proba raíña dos 1.500 metros. Iso sen esquecer a sexta posición de Isaac Vicente en lanzamento de martelo, o sétimo de Alba Cuns no triplo salto ou a novena de Chamosa en marcha.

Comentarios