Alma Pérez, taekwondoin: "Os Xogos non son o meu obxectivo primordial"

O taekwondo, como adoita acontecer co conxunto dos deportes de contacto, adoita pasar por debaixo do radar do gran público, pero son disciplinas que deparan moitas alegrías á afección galega. Unha das súas grandes estrelas é Alma Pérez (Boiro, 2001), que mañá  debuta no prestixioso Grand Prix de París.
 
A de Boiro, posando coa súa medalla de bronce da Universiada. (Foto: RFET).
photo_camera A de Boiro, posando coa súa medalla de bronce da Universiada. (Foto: RFET).

Comeza mañá a súa andaina nun dos campionatos que máis puntos outorga de cara ao ránking olímpico, o Gran Prix de París, que agarda da cita gala?

Moito nivel. Estamos a menos dun ano dos Xogos Olímpicos e hai moitos puntos en xogo, a xente irá aí a morrer.

Eses Xogos de 2024 quizais chegan un pouco cedo? Por idade talvez teña máis opcións de participar nos que se desenvolverán nos Ánxeles en 2028?

Por sorte no taekwondo a xente pode destacar cando lle cadra: moi nova, moi maior... pero por temas de nivel e adaptación ao peso olímpico, quizais si que me veñan mellor os xogos do 28, quero pensar... ou non, non sei que pasará coa miña carreira deportiva e coa miña vida de aquí a cinco anos (ri).

Non obstante, esa é a miña intención, porque é posíbel. Moi difícil? Si, pero hai unha mínima posibilidade. Mais non é un obxectivo primordial, porque aínda me quedan moi lonxe. Ademais, para os Xogos Olímpicos recortan as categorías de peso: normalmente temos oito, e nos Xogos hai catro, e xusto o meu peso é un dos que se recorta, e tería que subir aos 57 cando normalmente estou en 53. Que pasa? Que eu peso 53 kilos, 54 en mollado, e cando vou aos Grand Prix teño que vermas con mulleres que para min son enormes, auténticos mastodontes cos que non estou afeita a medirme. 

Até que punto inflúe unha diferenza de peso de tres, catro ou cinco quilos na competición?

Depende sempre do teu nivel e de como sexa a túa forma de pelexar. Á hora da pegada e de recibir impactos hai moita diferenza, non é o mesmo encaixar un golpe dunha muller de 53 quilos que dunha de 57, hai moita máis forza. Ademais, alí non só participan as de 57, senón as que subimos de 53 e as que baixan dos 62, o que complica todo moito máis. 

Vén vostede dunha intensa tempada onde apenas tivo descanso, pois hai tres semanas volvía da China cunha medalla de bronce dos Xogos Mundiais Universitarios colgada do pescozo...

Realmente á China fun de vacacións (ri). Fun alí sabendo que tiña opcións de medalla polo nivel que teño, aínda sendo consciente de que as cousas poden saír mal, pero o principal para min era vivir unha experiencia que me facía moita ilusión. Todo coincidía perfecto, porque era un torneo que non tiña realmente que facer, xa que a tempada concluíra oficialmente en xuño cos Europeos, así que debería estar descansando no CAR [Centro de Alto Rendemento]. 

A Universiada en si, aínda que ten un nome moi potente, Xogos Mundiais Universitarios, non é dos certames que máis puntos dá, pero aínda así volvín máis contenta que un oito de conseguir outra chapa e os puntos. Pero digo isto porque fun bronce, chego a perder e igual estaría dicindo que era unha bazofia de campionato e que non me importaba nada (ri). 

Neses Xogos Europeos de finais de xuño pasado aos que facía mención, e que se levaron a cabo na cidade polaca de Cracovia, ampliou o seu palmarés con outra 'chapa', como din vostedes as deportistas, neste caso unha de prata na categoría de -53 quilogramos. Foi unha sorpresa chegar tan lonxe ou era perfectamente consciente das súas posibilidades reais?

Eu sigo sorprendéndome, a verdade. Pero si que xa despois da prata do ano pasado [Alma Pérez foi segunda no Campionato Europeo de Manchester, Inglaterra, en 2022] e de facer un bo papel nos Mundiais [nos que alcanzou a rolda de oitavos] sabía que podía chegar lonxe. Pero iso non era a Universiada, era algo moito máis serio, con máis puntos en xogo para o ránking... outro conto. 

Comentarios