Administrador concursal do Deportivo: “Hai xogadores que están a cobrar 1.200 euros ao mes”

Nunha entrevista na Radio Galega, Julio Fernández cualifica de crucial para o futuro do club estes tres meses e incide en que a gran baza do Depor “é a súa masa social”

Julio Fernández
photo_camera Julio Fernández

O administrador concursal do Deportivo da Coruña, Julio Fernández Mestre, foi entrevistado na mañá desta terza feira en 'Galicia por diante', o programa que Kiko Novoa presenta na Radio Galega. Fernández leva media vida na avogacía e é un experto en dereito concursal. Deportivista confeso, Fernández Mestre sinalou que a situación actual do club herculino “é clara: ou convenio cos acredores ou liquidación”. Por iso, considera que “estes tres meses son cruciais” para o Deportivo, e que é moi importante que a escadra se manteña en Primeira. Mais de baixar, sería viábel sempre que se atinxise acordo cos acredores.

“Hai xogadores que o están a pasar mal economicamente”

O administrador concursal tamén recoñeceu que “hai xogadores que agora mesmo estano a pasar mal economicamente”, e engadiu: “Algún xogador está a cobrar 1.200 euros ao mes”. Apuntou que o treinador e o resto da equipa técnica si cobran, mais non así Lendoiro nin o resto dos conselleiros.

"A situación é clara: ou convenio cos acredores ou liquidación do club"

Para Fernández Mestre, que enfatiza o feito de que o Deportivo ten unha débeda de 156 millóns, dos que 94 corresponden a Facenda, considera que o clube ten “unha gran baza” para “a súa viabilidade”. E cal é? “A súa masa social”.

Valerón, Valerón, Valerón

Como deportivista recoñecido que é, este administrador concursal salientou na entrevista que Valerón foi quen “de lograr a unidade no vestiario perante a situación do club. Merece un monumento”.

Comentarios