Contracultura

Xurxo González: "Cando cheguei á Galiza todas as persoas da miña idade pensaban en marchar a América"

Xurxo González naceu na Patagonia arxentina, desde a que migrou a Vigo con 13 anos, cando a xente da Galiza embarcaba para facer a mesma travesía en sentido contrario. Agora, con 81 anos, recolle todas estas lembranzas en 'Memorias de Xurxo O americano', libro autoeditado que será presentado hoxe na libraría Cartabón (Vigo) ás 20 horas.
Nado na Patagonia (Arxentina), Xurxo González non deixou Vigo desde a súa chegada con 13 anos. [Foto: Nós Diario]
photo_camera Nado na Patagonia (Arxentina), Xurxo González non deixou Vigo desde a súa chegada con 13 anos. [Foto: Nós Diario]

—Por que decidiu contar as súas memorias nun libro?
Sempre fun unha persoa con moitas inquedanzas por facer cousas, sempre me preocupei polas persoas, pola veciñanza e para min sempre había algo que facer. Claro, non foi doado porque cheguei da Patagonia con 13 anos e a vida era moi diferente entre ambos os lugares. En primeiro termo, aló, naquel momento, vivíase ben, mentres que aquí estaban saíndo dunha Guerra Civil. Alén dos atrasos que xa eran patentes antes dela, a guerra fixo que isto calara moito máis na sociedade.

Foi algo que me impactou porque claro, eu xa fora á escola na Arxentina e tiña xa unha percepción de como eran as cousas. Que tamén é certo que aínda que economicamente se vivira mellor, os medios de comunicación e as distancias facían que fora todo moi complicado. A medida que me fun adaptando a vivir aquí deime conta tamén de que ninguén te regalaba nada e que non era fácil sobrevivir.

—Como lembra a súa adaptación á Galiza?
O meu pai foi quen me trouxo para deixarme a cargo dos meus avós, que emigraran arredor de 1911 e que xa eran maiores. Hai que pensar que naquela época, unha persoa con 70 anos xa era moi maior. Os primeiros anos paseino moi mal e me desesperaba vendo todos os barcos saíndo da ría cada mañá e cada tarde. Os meus avós tiñan predios, pero había que traballalos e como eles estaban tan maiores tocábame a min, que aínda que era novo non estaba acostumado a traballar desa maneira.

Despois meu pai veu da Arxentina cunha enfermidade terminal e a miña nai xa morrera cando eu tiña cinco anos. Son cousas que te van marcando e ao final parecía que cando eu quería levantar cabeza viña outra cousa que mo impedía facer. Fun adaptándome porque, como digo, tiña esta personalidade que me impedía estar quieto.

Pouco despois foi cando creamos a Asociación Veciñal de Saiáns (Vigo), que na contorna foi todo un exemplo de organización porque cando eu cheguei, por exemplo, nin sequera podíamos chegar á casa en coche, non había camiños. O que me chamaba máis a atención cando cheguei era que todas as persoas da miña idade querían marchar para América. Eu era unha especie de predicador porque non facían máis que preguntarme como eran as festas alí, as mozas e demais.

Pensaban que a Patagonia era como aquí e eu tiña que explicarlles que o clima, os costumes e todo era moi diferente. Si, había moitos galegos, mais non podían facer o que podían facer na súa terra, e a min sorprendíame moito como a xente tiña unha desesperación tal como para pasar por algo así, polo que implicaba a viaxe. Para min, son persoas que tiveron moita valentía.

—E como foi ese proceso de ir recuperando as súas lembranzas?
Por sorte aínda recordo bastantes cousas, tamén porque como a vida é tan dura é algo que vai quedando marcado. Raquel Castro, a escritora e amiga da miña filla, dirixíame sobre como podíamos ordenar as cousas e darlles formas, eu mandáballe información e íalle contando as historias até o día de hoxe e ela foi facendo todo o demais. Eu escribía dúas páxinas e ela acababa reducindo a unha, pero ben explicada.

Tamén hai que ter en conta que si que falo ben o galego, aínda que me custou ao principio, mais escribilo xa é outra cousa. Axuda moito que eu conserve documentos dos meus avós, billetes dalgunha viaxe e demais que evidentemente teñen un valor para min, mais tamén poden telo para outras persoas que descoñecen como era a vida daquela.

E a proba está en que xa fixemos unha presentación do libro na Asociación Veciñal de Saiáns e a asistencia do público fixo que o espazo quedara pequeno, por iso facemos hoxe a segunda presentación na libraría Cartabón. A xente que xa ten o libro aínda ten moitas preguntas sobre as cousas das que falo.

Comentarios