Contracultura

Xurxo Alonso: "Non hai temas que escapen da luz poética, sempre hai unha fenda por onde pode entrar"

Xurxo Alonso, pintor e poeta, foi galardoado no 49º Certame Literario de Poesía do Concello de Vilalba pola súa obra 'Cartas de Conxo (O legado das Távora)', onde aborda de maneira epistolar a vida de dúas irmás durante o contexto da Guerra Civil.
Xurxo Alonso foi galardoado por 'Cartas de Conxo (O legado das Távora)'. [Foto: Nós Diario]
photo_camera Xurxo Alonso foi galardoado por 'Cartas de Conxo (O legado das Távora)'. [Foto: Nós Diario]

—Como se embarcou no proxecto de ilustrar Rosalía para as crianzas? De onde saen estas cartas que conforman o poemario?
Hai unha parte ficticia e unha parte real. Eu normalmente fago un tipo de poesía que ten compoñentes como de materia escura na que vou desvelando cousas. É como se houbera un cristal embazado que vou limpando para ver, pouco a pouco, a paisaxe que hai detrás. Parto do descoñecido para chegar a certas cousas que ao final se desvelan no poema e, neste caso, partín dunha idea moi concreta.

O poemario trata de dúas irmás que envían cartas sobre o que está pasando durante os primeiros días da Guerra Civil. Unha destas é interceptada pola Garda Civil polo que ambas as irmás son enviadas ao psiquiátrico de Conxo, desde onde seguen enviando estas misivas que nunca chegan ao seu destino -familiares, amizades- porque hai unha monxa que as vai interceptando. Varios dos feitos que se contan son reais, aconteceron, e eu vounos convertendo en cartas.

O resto é ficticio, o que ocorre é que son moi verídicas porque aluden a cousas que pasaron en moitos puntos da Galiza de maneira similar a como eu as conto. Son temas moi achegados para todo o mundo. Ademais, como dicía antes, cando teño que definir un dos meus libros de poesía é complicado porque normalmente desenvolvo tramas moi tupidas onde non se sabe moi ben a quen me dirixo, mesturo moitos temas e moitas situacións de maneira que queden abertos.

Deixo moito espazo para que a persoa que me lea poida recrear o poema. De feito, no que respecta á historia das irmás non se expresa demasiado desde que ingresan no psiquiátrico, déixase ver que pasan alí moitos anos e que acaban por morrer sen saír das súas paredes, pero a maior parte da súa historia queda á imaxinación de quen le.

—Por que escolleu contar esta historia a través dunha poesía epistolar?
A cuestión das cartas parecíame a maneira máis directa de presentar as situacións e os temas: unha persoa que mira e conta o que ve ou o que lle contan á súa vez. A moita xente sorpréndelle que trate a Guerra Civil no eido da poesía, aínda que xa teño escrito un libro sobre a guerra de Iraq, Cidades de area, (Espiral Maior, 2005) e outro sobre a pandemia e o confinamento, As vaidosas agonías (Xerais, 2021). Para min non hai temas que escapen da luz poética, sempre hai unha fenda por onde pode entrar a poesía. Levo moitos anos pintando, pero á poesía cheguei máis tarde, arredor dos 40 anos e por unha sorte de emulación. Cando comecei a escribir notei tamén que a poesía para min era un agasallo que me veu visitar, como dicía Czeslaw Milosz, poeta polaco premiado co Nobel, e por iso tamén esta historia ten forma de poesía, porque eu non toco outros xéneros da escrita.

Tamén quixen que foran dúas mulleres as que estiveran ao fronte do poemario porque estas eran, en xeral, as que tiñan que aguantar cando os seus homes estaban fuxidos, agochados ou na fronte. Evidentemente moitas veces acababan por sufrir as represalias ou as presións para que delataran. 

—Está traballando en novos proxectos?
Si, son moi perseverante e xa teño en proceso dous novos poemarios. Tamén están aí os meus proxectos relacionados coa pintura, pero é certo que cando recibes un premio así como que te sentes máis apoiado e isto dá ánimos para seguir traballando. Máis aínda cando falamos do premio de poesía máis antigo da Galiza, o de maior dotación económica e á parte conformado por un xurado de contrastada calidade. Como traballo con sensacións e ideas moi abstractas é difícil explicar algo destes dous poemarios, mais digamos que seguen a liña que a min me gusta traballar de ir fiando a historia até que ao final desembocan en algo inesperado. Gústanme este tipo de finais nos que vas levando a persoa que te le por un lado e que o poema remate con algo inesperado, algo que non encaixa con esa liña que se estaba a trazar.

Comentarios