Contracultura

Xulio Simón: "A Xulipedia está aberta e poderá construírse coas persoas que queiran colaborar"

Xulio Simón, filólogo, vén de inaugurar a Xulipedia, unha páxina web en formato colaborativo que recolle a cronoloxía da literatura galega, xunto coa portuguesa, a catalá e a universal.
Arriba: Francisco Becerra, Luís Losada e Javier Prado; abaixo: Tono Barros, Xulio Simón e Laura Goldar. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Arriba: Francisco Becerra, Luís Losada e Javier Prado; abaixo: Tono Barros, Xulio Simón e Laura Goldar. (Foto: Nós Diario)

—De onde xurdiu esta idea?
Hai aproximadamente 30 anos eu vivía en Barcelona e facíamos un programa de radio levado pola Asociación Rosalía de Castro. Cando aparecía algunha noticia relacionada coa literatura galega eu sempre intentaba, dalgunha maneira, poñela en relación coa portuguesa ou coa catalá porque naquel momento eu estaba facendo os meus estudos de Filoloxía Románica. A miña idea cando comezou todo isto era facer unha cousa moi breve, mais pouco a pouco foi aumentando de tamaño e cheguei ao que é hoxe.

É unha ferramenta que aposta polo multiculturalismo e que está composta por diferentes seccións abranguendo desde 1851 até 2004. Por unha banda, recolle nacementos e falecementos por ano, tamén as publicacións que houbo na Galiza ou relacionadas con ela e os premios literarios que houbo na comunidade. Estas mesmas seccións tamén están máis abaixo referidas ao catalán e ao portugués, así como a literatura universal. 
 Finalmente, tamén hai unha sección coas referencias culturais do momento. A partir de 2004, co fin de que o traballo tivese unha certa continuidade, tamén engadín un palmarés que recolle todos os premios literarios da Galiza.

—Por que publicalo agora e precisamente nun formato colaborativo?
Cando eu comecei con este traballo aínda non había internet, polo que todo está feito nun documento no ordenador e a base de consultas en libros. Na Xulipedia está metida a Grande Enciclopedia Galega, a revista Grial, a revista Nós, o dicionario de autores e o de publicacións de Galaxia, a literatura de Carvalho Calero... Chegou un momento no que xa non sabía que facer con tanta información. Incluso ofrecinllo a algunha asociación coa idea de que lle desen forma e cheguei a falar con Fran Pérez, ‘Narf’, que seguramente tería colaborado.

Con todo, a cousa quedou así e eu non sabía moi ben que facer, aínda que todo o mundo me dicía que algo tiña que facer porque era moi interesante. Máis ou menos coa pandemia, o meu amigo Luís Losada, que coñecía este traballo, empeñouse en sacalo adiante como o que máis. Así, falamos con outro amigo, Javier Prado, informático, que foi quen nos axudou a darlle este formato de páxina wiki.

Desta maneira, o proxecto queda aberto a todo o mundo e poderá seguir construíndose coa colaboración de todas as persoas que queiran achegar contidos. Tamén me axudaron máis amigos e neste tempo da pandemia, que estabamos fechados na casa, conseguimos sacalo adiante.

—Por que considerou importante incluír estas outras literaturas alén da galega?
No momento actual creo que podo dicir que o coñecemento que temos aquí sobre a literatura catalá ou sobre a portuguesa ten un nivel bastante baixo. A idea era apostar polo multiculturalismo, partindo sempre da nosa lingua, mais sen deixar de atender o resto de linguas románicas. Neste sentido, para min foi moi importante o feito de coñecer a Basilio Losada, que gran parte da súa obra foi feita coa voz porque era un grandísimo orador, contaba unhas anécdotas marabillosas, e por iso as súas palabras están recollidas na páxina de inicio da Xulipedia. Como destaca el nese texto, é fundamental construír arquivos de memoria, cubrir os espazos baleiros, mais tamén abrir portas á curiosidade cara outras culturas que nos acompañan e nos enriquecen.

Tamén teño moito que agradecer ao profesor Alonso Montero, a quen coñecín porque cando tiven que facer o ingreso no instituto de Lugo, con dez anos, meu pai advertírame que se me tocaba dar clases con el podía falarlle en galego. Aí foi cando comecei a ver o que ocorría con esta lingua, que non se podía falar con todo o mundo, e tiven a sorte de poder ensinarlle este traballo e recibir os seus parabéns, algo que para min é moi importante e vai nesta liña de manter na memoria os fitos importantes da nosa lingua e da nosa literatura.  

Comentarios