Máis

Empanada a ritmo de folk e rock

Todos os anos decenas de persoas disputan na Bandeira o título de 'mellor empanada' e o xurado experto debe escoller a receita máis brillante entre múltiples propostas. Este concurso completa un ciclo de actividades musicais e gastronómicas que se celebran anualmente para homenaxear a empanada
Espectáculo culinario de Alberto Lareo e Loredana na festa de 2022. (Foto: Asociación Cultural Amigos da Empanada)
photo_camera Espectáculo culinario de Alberto Lareo e Loredana na festa de 2022. (Foto: Asociación Cultural Amigos da Empanada)

Declarada de Interese Turístico, a Festa da empanada da Bandeira, en Silleda (Deza) é unha das citas gastronómicas máis celebradas do verán. Desde onte e até o 20 de agosto poderase desfrutar do mellor produto local, ademais das múltiples actuacións musicais que complementan a festividade. 

Miles de persoas acoden cada ano á Bandeira para degustar as receitas de empanada máis orixinais. A festa naceu en 1974 como unha forma de homenaxe ao produto local. Hoxe transcende a dimensión gastronómica e adquire novos cometidos entre os que destaca a promoción cultural e musical. 

A cita inclúe a celebración de dous festivais: o BandeiRock e o Esmorga Folk. A variedade de xéneros que conflúen durante a semana constitúe un atractivo para os amantes da música que  se desprazan desde outras vilas da contorna.

Durante os cincos días que dura a celebración organízanse actividades para todo tipo de públicos, incluídas as crianzas. Os actos centrais decorrerán na Carballeira da Pomba, unha zona verde na que se instalan os dous escenarios principais e os postos de venda da empanada.

No recinto habilitouse un espazo para o cámping no que acampan as persoas usuarias. O público pode estacionar o seu vehículo en dous aparcadoiros. Perto de alí, no corazón da vila da Bandeira, montáronse varias atraccións para as crianzas.

En declaracións a Nós Diario, Leila Fernández, responsábel de comunicación da Asociación Cultural Amigos da Empanada, manifestou o seu optimismo a respecto das expectativas que se fixaron na festa: "Esperamos unha afluencia dunhas 30.000 persoas ao longo de cinco días". Esta cifra é a constatación do éxito da celebración.

Fernández explica que a festa da empanada actúa como un revulsivo para a economía da zona. Numerosos bares e restaurantes contratan máis persoal durante o tempo que dura o evento para poder afrontar a carga de traballo que supón. O principal beneficiario é o pequeno comercio.

As dimensións que logrou a cita nos últimos tempos esixen  un arduo labor de planificación e traballar con moita antelación. Os preparativos comezan no mes de decembro e os puntos máis relevantes quedan fechados en xaneiro ou febreiro.

Parte do éxito da festa depende da colaboración entre o Concello e a asociación promotora. Nese sentido, Fernández recoñece que o Concello é un "bo colaborador" e sobre o seu apoio asegura que é "imprescindíbel" para o evento.

Concurso de empanada

O xa tradicional concurso de empanadas este ano incorpora a categoría infantil que se suma ás outras dúas que xa existían: profesional e amadora.
Na festa do ano pasado houbo arredor de 30 propostas, todas orixinais. No certame, segundo o testemuño de Leila Fernández, hai todo tipo de sabores desde os máis típicos como o bacallau, até outros máis innovadores como unha empanada enchida de osos de gominola haribo. 

Este ano, a participación do público infantil na competición promete ofrecer resultados moi creativos: "as crianzas teñen unha imaxinación incríbel" apunta Leila Fernández.

Ademais do bacallau, outros ingredientes que se empregan como recheo son as zamburiñas, as vieiras e carne.

BandeiRock

Hoxe terá lugar a XXIV edición do BandeiRock na Carballeira da Pomba, un espazo inmellorábel. Durante esta cita musical, os amantes do rock terán unha oportunidade para desfrutar  das actuacións dalgúns dos grupos galegos máis relevantes do xénero.

No cartel figuran os nomes de Herdeiros da Crus, Mekanika Rolling Band, Cuarta Xusta, Kona Ke Te Fixo, Salvelatoria, Marela e Señora Dj.
Os concertos celébranse no escenario dos festivais, na zona oeste do recinto. Os concertos comezan a partir das 20 horas.

Esmorga Folk

Mañá celebrarase o Esmorga Folk, un festival que reúne os principais artistas dese xénero. Unha das actuacións que xera  máis expectación é a de Leilía. O grupo de Patricia Segade,  Felisa Segade, Ana Rodríguez, Rosario Rodríguez, Mercedes Rodríguez e Montse Rivera  segue demostrando fortaleza, paixón e compromiso despois de 34 anos de andaina.

O resto de nomes que figuran no cartel son: Caxade e Banda da Bandeira, Rack & Ruins,  Requinta da Laxeira, Mondra, Xirandola, Carballo da Manteiga, Raeira e Raiola,  e a Pinguela de Bama.

A XXXIII edición do festival comezará ás 20.30 horas, no escenario principal do recinto. 

Xogos infantís

Durante os cinco días que dura a festa da empanada non poden faltar as actividades e xogos orientados ás crianzas. Hoxe a partir das 17 horas, nenos e nenas poderán xogar nos inchábeis de auga que se instalaron na Rúa do Parque.

Ás 19 horas a programación contempla a celebración da festa de espuma deste ano, un dos principais atractivos para os máis pequenos. Media hora despois, ás 19.30 horas comeza a estar activo o touro mecánico, unha das atraccións máis aclamadas polo público infantil e tamén polos adultos.

A programación continúa mañá cunha serie de xogos tradicionais que se organizan na rúa Xeral. Estas actividades incentivan a participación de persoas adultas e menores.

As ruadas que discorrerán por toda a vila e o gran circo galego que se instalarán na rúa Xeral complementan o catálogo de iniciativas previstas para a cativada.

Pregón e verbena

O pregón da festa da empanada correrá a cargo de María Lama, que pronunciará unhas palabras antes da comida de peñas o día 19, prevista para as 15 horas. O acompañamento musical terá como protagonistas a Charanga BB+ e os Varancuncas. Pola tarde, na rúa Xeral, tamén haberá música, neste caso serán América SL e JB Son os que se encarguen de animar a cita.

Á noite, despois da cea de peñas, que contará co acompañamento de Charanga Os Alecríns e os Argalleiros, será o momento máis esperado do día. Arredor das 24 horas, comezará a gran verbena. Será cando a orquestra Olympus sacudirá o recinto da Carballeira da Pomba interpretando algún dos temas máis escoitados do verán. Tamén debutará no escenario da festa o espectáculo Disco Radikal co Dj David Expósito.
 

Comentarios