'Os xoves de Códax' volven á terraza da adega de Cambados

A proposta abrangue diferentes estilos musicais e culturais.
Antía Muíño & Las Migas actuarán o 27 de xullo. (Fotos: Martín Códax)
photo_camera Antía Muíño & Las Migas actuarán o 27 de xullo. (Fotos: Martín Códax)

Bodegas Martín Códax presentou onte a X edición do seu ciclo musical 'Os xoves de Códax', no que ofrece unha programación con recoñecidos artistas do panorama musical nun escenario tan característico como é a propia terraza que a adega ten en Cambados (comarca do Salnés).

Os concertos, que decorrerán cada quinta feira ás 20.30 horas desde o 20 de xullo até o 17 de agosto, estarán marcados pola mestura musical e cultural, que abranguerá desde o flamenco, o indie ou a música de autor até o pop e rock.

Así, o vindeiro 20 de xullo poderemos escoitar en directo actuacións de Moisés Fernández, Josemi Carmona, Estrella Morente, El Paquete, David de Jacoba, El Piraña, El Montoyita & El Yiyo. O día 27 de xullo será a quenda de Antía Muíño & Las Migas, cantautora santiaguesa gañadora do premio Martín Códax á Mellor Artista Emerxente no ano 2022.

Xa en agosto visitarán as adegas Pablo Lesuit & Colectivo Panamera, o día 3; Miguel Lamas & Maldita Nerea, o 10; e fechará o ciclo Santiago Auserón, o día 17 de agosto.

Fin solidario

As entradas para cada unha das xornadas de xullo estarán dispoñíbeis na páxina web da adega a partir de mañá ás 12 horas, mentres que para conseguir os billetes dos concertos de agosto haberá que agardar até o 13 do mes de xullo.

Desde as Bodegas Martín Códax sinalan que a recadación de cada un dos concertos irá destinada a unha asociación solidaria "como parte do compromiso de Martín Códax coa sociedade galega".

Comentarios