Xosé Manuel Sánchez Rei: "Ribeira de Piquín sempre foi unha terra de afamados gaiteiros e artesáns de gaita"

Xosé Manuel Sánchez Rei e Noemí García Rodríguez asinan o Cancioneiro da Ribeira de Piquín (Editorial Canela, 2022), un traballo de recuperación e compilación de máis de 200 cantares tradicionais recollidos nese concello e en zonas próximas. Nós Diario conversa con Sánchez Rei, profesor da Universidade da Coruña, desta obra que contén un estudo introdutorio, lingüístico e histórico dese repertorio.
Noemí García Rodríguez, coa obra da que é coautora, e Xosé Manuel Sánchez Rei (Foto: Nós Diario).
photo_camera Noemí García Rodríguez, coa obra da que é coautora, e Xosé Manuel Sánchez Rei (Foto: Nós Diario).

Que ten de particular a Ribeira de Piquín para lle dedicar un traballo así? 

A nación toda posúe unha extraordinaria cultura de orixe tradicional de que os cantares e poesías orais representan máis unha manifestación desa vizosidade e, neste sentido, a zona da Ribeira de Piquín non constitúe unha excepción. Sempre foi unha terra de afamados gaiteiros e artesáns de gaita, como Xosé Seivane, e sempre se caracterizou, ao mesmo tempo, por ser unha área en que o canto e poesía orais tiñan un relevante protagonismo entre a veciñanza.

Hai rexións ou concellos que contan con seus propios cancioneiros publicados (A Ribeira Sacra, A Terra Chá, Fisterra, Cotobade, Pol etc.) e Noemí e eu pensamos que era de xustiza desenvolvermos un traballo que humildemente servise para equiparar A Ribeira de Piquín a esoutros territorios. A idea pareceu ben a Pablo Quintana, polifacetado director de Edicións Canela, quen desde o primeiro momento apoiou a iniciativa co entusiasmo, a rigorosidade e a xenerosidade que caracterizan os seus proxectos editoriais.

Foi complexo estruturar a información escrita e oral que atoparon sobre a zona?

Na verdade, unha parte xa estaba máis ou menos pronta. Cando no ano 2018 andaba a preparar os materiais que darían forma ao libro Xosé Seivane. A gaita con maiúscula (Canela, 2019), fun organizando pastas con diferentes informacións (entrevistas, gravacións, notas biográficas, etc.).

Tamén, a consultar cancioneiros clásicos (Inzenga, Torner & Bal y Gay, Rielo Carballo, Schubarth & Santamarina etc.), reparei nalgúns cantares de orixe tradicional da zona que quizais coñecese a nai de Seivane, Estrella Rivas, que costumaba cantar durante as noites ao calor da cociña da lareira. Ese foi o núcleo do traballo, mais outras poesías (as menos) proveñen da compilación directa, produto da xentileza dalgunha xente a quen Noemí e eu entrevistamos.

Despois tivemos de adoptar certas decisións, como, por exemplo, optarmos pola orde alfabética na disposición dos textos, indicarmos a fonte, optimizarmos a lingua rexistrada (cando non afectase a rima nin a medida dos versos), etc.

Que características teñen en común estes cantares?

Como acontece neste tipo de literatura, algúns deles son comúns a máis rexións da Galiza e até varios retrotraen as súas primeiras documentacións ao século XVIII. O que posúen en común eses 200 textos asenta nos trazos lingüísticos locais e populares que transparecen nas letras e na expectábel vinculación á comarca de que proceden, o que se verifica nos topónimos que figuran nos versos, cal "Boel", "Chao", "Cuíña", "Mestre", "Paíme", "Ouviaña", etc.

Ese vínculo tamén se constata nas referencias a oficios habituais outrora na zona, como os arrieiros, segadores, etc., mais que hoxe xa non se practican. 

Falan no libro da importancia de manter e difundir os cantares. Como se podería conseguir nos tempos actuais?

A sociedade tradicional camponesa que xerou e mantivo eses cantos durante centos de anos foi devalando ao longo do século XX e nese proceso tamén foron desaparecendo os ambientes e as situacións das comunidades rurais en que se recitaban ou en que se cantaban tales poesías.

Porén, fan parte non menor da cultura galega contemporánea e talvez un modo de os difundir puidese provir dun maior peso nos currículos escolares do país, naturalmente sempre os sabendo encaixar no seu contexto e nunca os deixando de explicar ao alumnado. Por outro lado, actualmente hai grupos de música folque que contribúen poderosamente para daren a coñecer eses textos e que desenvolven unha interesantísma actualización deles.

Comentarios