Contracultura

Xosé Manuel Méndez: "As fotos de Edelmiro teñen gran valor ao retratar a sociedade nun momento de transformacións"

Edelmiro Méndez deixou tras de si un arquivo fotográfico inmenso a través do que achegarse á Galiza do século pasado. Unha obra de gran valor etnográfico que a editorial Canela publica co título 'Edelmiro Méndez. Da Terra que fomos'. O libro recompila o traballo deste fotógrafo da Pontenova (A Mariña) realizado entre 1957 e 1964 e conta coa colaboración de Xosé Manuel Méndez, fillo do fotógrafo. Será presentado hoxe, ás 20.30 horas na Casa da Cultura da Pontenova.
O libro fotográfico 'Edelmiro Méndez. Da terra que fomos' foi impulsado por Xosé Manuel Méndez. (Foto: Nós Diario)
photo_camera O libro fotográfico 'Edelmiro Méndez. Da terra que fomos' foi impulsado por Xosé Manuel Méndez. (Foto: Nós Diario)

—Como xorde a idea de recompilar nun libro as fotografías de seu pai?
A idea témola falado na familia e empezo a traballar nela hai máis de 10 anos. É algo que contrasto desde un primeiro momento con Anxo Fernández Ocampo, Luz Galocha e Xan Ramiro Cuba e pouco a pouco imos dándolle forma, comezando por facer unha dixitalización dos negativos deste período porque é unha etapa moi interesante desde o punto de vista documental.

Nela retrátase unha sociedade inmersa nun proceso de transformación profundo. Resalta a importancia que deu o noso pai ao arquivo desde o momento en que se profesionaliza. Alén de conservalo, recolle anotacións que permiten identificar persoas, acontecementos e lugares que permitiron elaborar os pés de foto que hai no libro.

—Porque esa escolla fotográfica do traballo producido entre os anos 1957 e 1964?
Isto débese a varias cuestións. O primeiro é que é un período no que, malia ser a súa etapa inicial como fotógrafo e estar formándose, ten unha frescura grande, precisamente por ser a súa primeira etapa. A outra razón é que coincide cun momento de transformación no país. Entre os anos 50 e 60 iníciase un cambio que nos leva á situación actual de globalización. Entendemos que representar a sociedade local tradicional nun momento no que se está iniciando unha transformación que se consolida nos anos 80 e 90 ten un gran valor histórico e documental. Aínda a xente anda a cabalo, a maquinaria practicamente non existe, hai un rural vivo... 

—Como definiría o discurso visual desta obra?
Na miña interpretación o que fai o libro é retratar a vida, desde o nacemento até a morte, pasando por todo o que vai facendo a xente. As festas, as mallas, os traballos colectivos, os ferreiros, os cesteiros, os músicos... Esas son algunhas das constantes. 

—Cal foi o proceso a seguir na preparación do libro?
Comecei dixitalizando arredor de 4.500 negativos que despois fun seleccionando e logo xa entrou a editorial Canela con máis medios, comezando a traballar directamente cos negativos e chegando ás 219 fotografías que compoñen o libro. Para o proceso de documentación, unha parte do traballo deixouna feita o noso pai. El tiña un arquivo moi simple, mais moi efectivo, coas datas e referencias ao evento fundamental de cada carrete. Logo eu coñezo unha parte pequena das persoas e trato de documentalas a través de entrevistas nas que colabora Pablo Quintana, o editor do libro. É un traballo que levou un tempo facer, mais que creo que lle dá gran valor á obra.

—Nun dos textos que acompaña o libro saliéntase a figura como gaiteiro de seu pai e a súa capacidade para conectar coa xente. Como cre que se traduce isto na súa fotografía?
Meu pai comeza con catorce anos a tocar a gaita co grupo por excelencia da contorna, Os Vilaboas. Ademais, por ese tempo exerce como zapateiro. Cando poucos anos despois comeza na fotografía é xa un mozo moi coñecido. Eu interpreto que cando chega a calquera lugar coa gaita e coa cámara de fotos ao lombo é percibido, en certa medida polo menos, como a persoa que trae a diversión, a novidade... Eu creo que iso xoga moito ao seu favor e favorece a grande aceptabilidade social da que gozou. Esa aceptabilidade social vese reflectida na súa obra fotográfica.

A complicidade entre retratista e retratados percíbese na mirada que lle devolven estes. Edelmiro fotografa desde a proximidade de quen coñece o medio porque forma parte del. Para el unha mallega, un feixe de toxo ou o oficio de cesteiro, ferreiro, zapateiro ou zoqueiro forman parte da súa vida cotiá. El é un deles.

Comentarios