mércores 19.02.2020

O xornalista Fran P. Lorenzo gaña o Blanco Amor con “Cabalos e lobos”

Fran P. Lorenzo é o novo gañador do Premio Blanco Amor coa novela Cabalos e lobos. Trátase da primeira novela do xornalista. 

Fran P. Lorenzo
Fran P. Lorenzo

Por unanimidade o xurado do XXXIII Premio Blanco Amor de novela recaeu no xornalista Fran P. Lorenzo e a súa obra Cabalos e Lobos. Composto por Xosé Luís Franco Grande, Camiño Noia Campos, Olivia Rodríguez González e Xosé Antonio Palacio Sánchez, o xurado reuniuse na casa da Cultura de Redondela este 11 de novembro, San Martiño e o premio entregarase nun acto público que terá lugar en Redondela o vindeiro 22. 

Cabalos e lobos é a primeira novela de Fran P. Lorenzo, xornalista de Cultura de El Correo Gallego. Malia iso, a súa escrita é xa coñecida, alén do traballo xornalístico, a través do seu blogue Un país en lata. 

En Cabalos e lobos, Fran P. Lorenzo artella unha intensa historia na que os segredos familiares constrúen unha trama de tensións cun escenario, a cidade de Vigo -da que é natural o autor-, que cobra un protagonismo especial. A novela arrinca co acontecemento dunha noite de 1960 que servirá para desvelar as verdades e mentiras que se agochan detrás da realidade. 

comentarios