A xornalista Eva Veiga, premio de honra Fernando Rey por "facer posíbel unha televisión pública comprometida"

A xornalista e poeta Eva Veiga, nada en Pontedeume en 1961, desenvolveu unha intensa carreira profesional como xornalista e comunicadora na programación cultural da TVG desde a súa primeira emisión en 1985.
A xornalista Eva Veiga. (Foto: Alfonso Costa)
photo_camera A xornalista Eva Veiga. (Foto: Alfonso Costa)

O premio de honra Fernando Rey, entregado pola Academia Galega do Audiovisual, recae este ano na xornalista Eva Veiga por ser parte dunha xeración "que fixo posíbel unha televisión pública comprometida coa información, a divulgación e a construción da identidade". A decisión anunciouse esta terza feira nun acto na Cidade da Cultura no que participaron o conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez; o director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Jacobo Sutil; o presidente da Academia Galega do Audiovisual, Álvaro Pérez Becerra, e Carmen Méndez, en representación da xunta directiva.

A academia, en palabras de Méndez, decidiu outorgarlle o premio a Veiga por "formar parte dunha xeración pioneira que fixo posíbel unha televisión pública comprometida coa información, a divulgación e a construción da identidade de varias xeracións de galegos, así como pola súa traxectoria vital que transita da memoria á vangarda, empregando a comunicación e a creación como ferramentas ao servizo da cultura e o audiovisual galego; e por constituír un exemplo de profesionalidade, creatividade e resiliencia".

O presidente da Academia reivindicou o valor do premio Fernando Rey que recoñece as e os profesionais "que nos lembran como chegamos até aquí". O galardón, entregado no marco dos Premios Mestre Mateo, nace en honra do actor galego Fernando Rey, nado na Coruña en 1917, e con máis de catro décadas de carreira. Destacou polo seu traballo en películas de directores como Luís Buñuel, William Friedkin, Orson Welles ou Franco Zefirelli, obtendo notábeis recoñecementos a nivel internacional e sendo considerado como un dos grandes intérpretes do cinema europeo.

Pérez Becerra tamén agradeceu o apoio da Xunta e destacou a "representatividade da asociación para a interlocución coas institucións e a sociedade, nun momento de intensa colaboración entre os profesionais do sector", que se materializou na constitución da Mesa do Audiovisual Galego.

O director de Agadic, pola súa parte, sinalou que os premios Mestre Mateo constitúen "un incentivo para os profesionais do sector e que chegan nun ano no que o audiovisual galego brillou tanto en festivais como nas pantallas de cinema e televisión". E o conselleiro de Cultura, que foi o encargado de anunciar á gañadora, puxo en valor a "riqueza, económica e emocional" que xera a cultura na Galiza, especialmente o audiovisual que vive, destacou, unha "idade de ouro" reflectida nos numerosos recoñecementos recibidos recentemente —como os Goya—.

Traxectoria de Eva Veiga

A xornalista e poeta Eva Veiga, nada en Pontedeume en 1961, desenvolveu unha intensa carreira profesional como xornalista e comunicadora na programación cultural da TVG desde a súa primeira emisión en 1985, co-presentando o primeiro programa informativo da cadea e en espazos como Entre nós, Mesa reservada, De perfil ou Galicia non tempo, a primeira gran serie documental sobre a historia da arte no país.

Como actriz, formou parte con Fito Ares e Bernardo Martínez do grupo Ouriol, un trío poético-musical, ao que tamén se incorporou o artista plástico Alfonso Costa. Sobre a vida e obra deste pintor publicaría Veiga, en colaboración con Ángeles Penas, o libro Alfonso Costa.

Tamén publicou desde contos infantís até guías como Santiago. Cidade de peregrinación. En poesía, foi galardoada co Fiz Vergara Vilariño (2013), o Premio Poesía AELG (2014) ou o Premio da Crítica de poesía galega (2016). Paralelamente, participou en longametraxes como A cicatriz branca (2012) e Nación (2020), de Margarita Ledo, xunto á que guioniza o seu próximo filme, Prefiro condenarme, agora en proceso de rodaxe.

Comentarios