A XLIV Mostra de Teatro Galego de Cariño volve ao seu formato clásico

Unha das citas más veteranas do teatro galego volve a recuperar o seu formato tradicional despois dos dous anos de pandemia. A Mostra de Teatro de Cariño decorrerá entre o 12 e o 19 de agosto, xa sen restricións.
Escena de 'Morte accidental dun anarquista', en versión de Talía Teatro. (Foto: Rubén Prieto)
photo_camera Escena de 'Morte accidental dun anarquista', en versión de Talía Teatro. (Foto: Rubén Prieto)

Sen dúbida, este é o verán da "volta á normalidade" (crucen os dedos) e innumerábeis citas estivais anuncian a recuperación de datas e formatos tradicionais que foran interrompidos pola pandemia e polas restricións sanitarias que a acompañaron. 

A Mostra de Teatro Galego de Cariño -que se desenvolverá entre os días 12 e 19 de agosto- é un deses eventos que volve á súa configuración habitual despois de dous anos de limitacións, e faino cun programa que combina circo, teatro de rúa, danza e teatro de sala, ademais de completar as funcións teatrais cun obradoiro de creación escénica a cargo de Marián Bañobre e Santiago Cortegoso

Jonathan Martínez, técnico de Cultura do Concello e responsábel da Mostra, destaca que "o final das restricións permite a volta ao ambiente de festival que lle dá personalidade á Mostra, con funcións de tarde e de noite que manteñen unha atmosfera festiva durante todos os días do certame". 

A Mostra iniciarase con O folión do zampón, unha representación itinerante de Fantoches Baj, e con Coreografías dun demente, un espectáculo de danza da compañía de Fran Sieira, o día da apertura, no que se entregarán o Premio do Público e o premio do Público Infantil do ano 2021, que gañaron, por votación directa do público, Napoleão ou o complexo de épico, da Companhia do Chapitô e Rubicundo -baseada na novela homónima de María Canosa, finalista no premio da  XXIX edición do Merlín de literatura infantil 2014-, de Teatro Ghazafellos, respectivamente.

O programa

Ao longo da fin de semana sucederanse propostas de teatro de rúa a cargo de Ghazafelhos, con As minas do rei Salomón; a compañía catala Planeta Trampolí, con Back 2 Classics; Troula Animación, con Circo Krasnovarak; e os franceses de Cirque Entre Nous, co espectáculo Entre nous. Ademais, La Quinkillada e A banda do verán -Premio Martín Códax na categoría de Música Infantil- ofrecerán senllos concertos no Campín. 

Ademais, Paulo Maestro & Constance Hurlé porán en escena, o día 18, nos exteriores do Auditorio, Volátil, un espectáculo no que se mesturan performance, música e poesía. 

As propostas para o teatro de sala, que se desenvolverán no Auditorio Municipal a partir da segunda feira 15 de agosto, inclúen As que limpan, da Panadaría, unha obra sobre o traballo feminino actualmente en xira por todo o Estado; Despois das Ondas, a recreación da vida de María Casares que pon en escena Butaca Zero; Smoke on the Water, unha historia xeneracional de Ibuprofeno Teatro, asinada por Santiago Cortegoso; Morte accidental dun anarquista, a versión que Talía Teatro fai do clásico de Darío Fo; e Cigarreiras, de Contraproducións, unha das grandes protagonistas dos Premios María Casares deste ano, baseado na novela A tribuna, de Emilia Pardo Bazán. 

Tamén no Auditorio Municipal, mais dirixidas a un público familiar, poderán verse A nena que vivía nunha caixa de mistos, de Caramuxo Teatro; Rosalía, a recreación da infancia de Rosalía de Castro a cargo de Culturactiva; A cazola de Lola, de Tanxarina Títeres; Cubo, de Elefante Elegante; e A nova historia da Cigarra e a Formiga, de Teatro del Andamio.  

"Malia que a Mostra está un pouco fóra das datas  de programación normais, queremos estar actualizados a respecto do que se estrea cada ano", explica Martínez. "Este ano, ademais, recuperamos o espectáculo, algo máis antigo, Despois das ondas, para sumarnos á celebración do centenario de María Casares".

Un dos festivais de teatro máis veteranos da Galiza

A Mostra de Teatro de Cariño é unha das máis antigas da Galiza. A primeira edición tivo lugar en 1978, baixo o nome de Festival de Teatro Galego, organizada polos grupos de teatro locais Malveira e As Traíñas. Naquela primeira edición representáronse Ledaíñas pola morte do Meco, de Roberto Vidal Bolaño, a cargo de As Traíñas; O velorio, de Francisco Taxes, a cargo de Troula, da Coruña; e Laudamuco Señor de Ningures, de Roberto Vidal Bolaño, polo grupo Antroido de Santiago.

Comentarios