'Morte accidental dun anarquista' estréase os días 11 e 12 en Santiago

Talía Teatro presenta a súa versión dun clásico da comedia política de Darío Fo

Un clásico do teatro político dun mestre da comedia como Darío Fo, Morte accidental dun anarquista, é unha obra comprometida e valente, mais Fo consegue transformar o seu discurso de denuncia  en acción cómica encaixada en moldes clásicos. Talía Teatro estrea a súa versión en Santiago esta  fin de semana. 
Elenco de 'Morte accidental dun anarquista' na versión de Talía Teatro que se estrea esta sexta.
photo_camera Elenco de 'Morte accidental dun anarquista' na versión de Talía Teatro que se estrea esta sexta.

Ás veces pasan cousas destas: algún detido cae pola fiestra dunha comisaría. Ocorreu nalgunhas ocasións, e Darío Fo, quizais o último gran dramaturgo que deu Italia, escribiu unha obra baseándose nun caso concreto, o do anarquista Giuseppe Pinelli, que o 15 de decembro de 1969 "caeu" desde a ventá do cuarto piso da xefatura de Policía de Milán, tras ser sometido a un interrogatorio de varios días en relación aos célebres atentados de Piazza Fontana. A obra de Fo aborda o asunto desde un humor burlesco que hai que tomar moi en serio, mais que posúe o certificado de autenticidade dun autor que se definía como bufón: o que di as verdades na corte. 

Talía Teatro estrea esta sexta feira 11, no Teatro Principal de Santiago, a súa versión da obra Morte accidental dun anarquista, a peza na que Fo indaga, con ironía demoledora, nesa falta de seguridade das fiestras dalgunha comisarías. A montaxe conta coa dirección de Cándido Pazó e cun elenco formado por Toño Casais, Dani Trillo, Xurxo Barcala, Rubén Prieto, Artur Trillo, Diego Rey e Marta Ríos. O sábado 12 repiten no mesmo Teatro Principal antes de iniciar xira en Boiro, Cee, Vimianzo, Ribadeo, Lugo e Narón. 

Morte accidental dun anarquista foi unha obra profusamente representada durante as décadas de 1970 e 1980, cando a "guerra sucia"  se estendeu por numerosos Estados europeos, que non tiveron demasiados escrúpulos constitucionais á hora de rematar cos discursos contrahexemónicos. En 1999 chegou a Galiza da man de Teatro do Morcego e Celso Parada, o gran valedor de Darío Fo no noso país. Ten sentido representala en 2022? 

Artur Trillo, un dos membros fundadores de Talía Teatro, opina, en conversa con Nós Diario, que "obviamente o contexto político é moi diferente ao da década de 1970, mais hai unha serie de situacións que nos chegan a través das noticias -por exemplo, as relacionadas co comisario Villarejo, ou con esas policías paralelas creadas para vixiar determinados partidos políticos- que nos fan pensar que existe un certo desexo de branquear algunhas prácticas que semellan ser máis habituais do que cremos. Esta maneira solapada de enganar a poboación desde o poder e, sobre todo, de maquillar certas realidades -como se viu no caso do rei emérito- faino pensar que debemos estar alerta e dicirlle ao público que talvez as cousas non son exactamente como nolas contan". 

"O humor é unha especie de ariete que derriba defensas e que nos permite empregar os nosos trucos para que, polo menos, se escoiten os argumentos", declara Artur Trillo

O elemento farsesco que introduce Fo na maneira de tratar esta cuestión cadra ben con algunhas das últimas montaxes de Talía nas que se combina o humor e a crítica social, como O servidor de dous amos ou Ubú Rei. "Levamos moitos anos experimentando esa mestura de carga ideolóxica e comicidade", concorda Trillo. Se presentas con humor o teu discurso, o público acólleo dunha maneira máis amábel. Naqueles temas nos que pode haber división ideolóxica, o que non está de acordo co que dis, se o dis con gracia, non se pon á defensiva, non se sente agredido. O humor é unha especie de ariete que derriba defensas e que nos permite empregar os nosos trucos para que, polo menos, se escoiten os argumentos".

En realidade, esta é a segunda obra de Darío Fo que representa Talía. No ano 1989, nos seus inicios, xa puxeran en pé Aquí non paga ninguén. "Eramos aínda unha compañía afeccionada e absolutamente autodidacta", lembra o actor e director, "foi o noso segundo espectáculo. Pensei durante moito tempo en facer Morte accidental dun anarquista, mais crin que era bo deixar que pasase algo de tempo despois da versión de Teatro do Morcego. Agora que transcorreron máis de vinte anos creo que é o momento. Por unha parte, é unha obra que nos parece moi interesante; por outra, somos unha compañía de repertorio que conta con dúas mulleres e tres homes e, entre as pezas que nos gustan, tratamos de escoller as que mellor se adaptan a ese elenco". 

Os problemas quizais veñan á hora de distribuír: vender hoxe en día un espectáculo deste formato, con dous camións de escenografía, implica un risco moi grande

Dificultades do mercado 

Montar na actualidade unha obra con sete persoas no elenco non é habitual na Galiza e pode considerarse un verdadeiro acto de valentía por parte da compañía. Trillo, porén, quítalle mérito á escolla. "En realidade, en canto á produción xogamos cunha certa comodidade porque somos beneficiarios dunha das axudas trianuais da Agadic, que son bastante importantes. Os problemas quizais veñan á hora de distribuír: vender hoxe en día un espectáculo deste formato, con dous camións de escenografía, implica un risco moi grande. Por outro lado, nós somos unha compañía de repertorio que temos diferentes espectáculos de distintos formatos e xogamos un pouco con iso: se non funciona un, funciona outro. Non podemos permitirnos xogar a unha soa carta. Mais tamén é un deber que nos impoñemos: queremos ser unha empresa autónoma a nivel creativo e por iso queremos apostar por elencos potentes". 

A compañía quixo recorrer para a obra de Fo a un dos seus directores fetiche: Cándido Pazó traballa habitualmente con Talía e, desta vez, as cousas foron algo máis complicadas que de costume: "Si, con Cándido hai un entendemento absoluto, coñece ben os actores e sabe extraer o mellor de cada un deles. A situación foi algo abafante pola situación provocada pola pandemia: se alguén caía enfermo podía comprometer a estrea. Mais ao final todo saíu ben, malia que esta foi a terceira montaxe que Cándido dirixe nun ano, despois de Cigarreiras e A peste. Iso é un esforzo para un director que nunca lle agradeceremos o suficiente". 

Do costume de caer polas fiestras 

Morte accidental dun anarquista está directamente inspirada nos feitos acaecidos en Italia en decembro de 1969: o día 12 producíronse varios atentados, no máis sanguento dos cales morreron 16 persoas na Piazza Fontana de Milán. Ao atentado seguíronlle varias redadas, e tres días despois, un dos detidos, o ferroviario Giuseppe Pinelli, caeu dende unha fiestra do cuarto piso da Xefatura Superior de Policía. 

Darío Fo escribiu o texto case a continuación de que tivesen lugar estes sucesos e, para poder estreala sen problemas coa censura, declarou que se baseara no caso -tamén real- do anarquista Salsedo, un inmigrante italiano que en 1921 "se tirou", segundo o xefe da policía, desde o piso 14 da comisaría central de Nova York. 

Comentarios