A Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia deita a ollada sobre as marxes

Esta cuarta feira fíxose pública a programación da 38ª Mostra Internacional de Ribadavia. Unha edición que virá marcada pola atención ás marxes, aos lugares onde a sociedade non adoita mirar, e onde se producen algúns dos máis reveladores cambios sociais. As marxes sociais, políticas, históricas e xeográficas tomarán a palabra no festival.
Unha escena de 'Margem', de Joana Craveiro e Victor Hugo Pontes. (Foto: Paulo Spranger / Global Imagens).
photo_camera Unha escena de 'Margem', de Joana Craveiro e Victor Hugo Pontes. (Foto: Paulo Spranger / Global Imagens).

Se facemos caso da socioloxía, e mesmo da nosa percepción máis primaria, vivimos nunha sociedade moi autocentrada, moi pendente de converter o lugar que habitamos no centro. E iso deixa pouco espazo para as marxes, para os lugares que -voluntaria ou involuntariamente- quedan fóra dos focos de atención máis rechamantes ou máis privilexiados. O teatro aspira a invitar a deitar unha ollada máis inclusiva, a atender aqueles lugares sobre os que doe máis dirixir a mirada. E talvez por iso, a programación da Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia escolle as marxes como concepto que vertebra a programación deste ano.

“Queremos falar das marxes do social, do político e mesmo das marxes xeográficas. Ese será o fío condutor do festival: o que está invisíbel, o que forma parte dos tabús... en definitiva o que se marxinaliza”, explica Roberto Pascual, director do festival.

Casualmente, Margem é o título dunha das obras que esperta máis interese dentro do programa e que resume ben a filosofía desta edición da MIT: a colaboración da dramaturga Joana Craveiro e o coreógrafo Victor Hugo Pontes trae desde Portugal un espectáculo baseado na novela de Jorge Amado Capitães de Areia. “A novela orixinal fala dos rapaces das favelas brasileiras e Craveiro conecta ese argumento con varias xeracións de portugueses que se sentiu marxinalizada ao tempo que Portugal progresaba. É unha peza que bebe en relatos persoais desas persoas, e que acode aos seus propios códigos artísticos: as artes de rúa, a capoeira...”.

A MIT Ribadavia, que decorrerá entre os días 15 e 24 de xullo, mostrará esas marxes desde outras perspectivas. Por exemplo, o espectáculo Hamlet, de Chiara de Ferrari, fala de marxinalidade desde a perspectiva das persoas con síndrome de Down. “Que significa ser ou non ser para unha persoa con esta síndrome, cando sempre se sentiu excluída de todos os canons? Aí pon o foco de Ferrari, igual que o espectáculo Demente, de Fran Sieira, se atreve a explorar o mundo da enfermidade psiquiátrica -desde a fusión de música, canto (con Aida Tarrío de Tanxugueiras en escena) e un suxestivo deseño de indumentaria-, que carga desde sempre con estigmas moi difíciles de superar”, sinala Pascual.

Nas marxes da Historia

E mais existen outro tipo de marxinalidades: as provocadas por unha historia que se oculta. Desde ese punto de vista traballan A lúa vai encuberta, das compañías Incendiaria e A Quinta do Cuadrante, unha revisión crítica da construción da identidade política galega desde o golpe de Estado do 36 até a Transición, e Rapadas, de Esther Carrodeguas, unha conferencia-espectáculo a partir da tétrica historia de violencia contra as mulleres rapadas do franquismo.

“Hai algo que di Vanesa Sotelo, a adaptadora do texto de Manuel María, que é máis ou menos da miña xeración: nós non só queremos facer preguntas sobre o que ocorreu e se nos ocultou, tamén queremos atopar respostas e saber de que maneira ese pasado silenciado repercute no noso presente, de que modo conformou o sistema político que agora temos”, declara o director da MIT.

“Creo que o teatro galego está manifestando unha gran preocupación por estes temas. Dalgunha maneira, tamén o texto de Ernesto Is Relato para un incendio fala da construción dunha identidade, de como ordenamos o territorio e como iso nos conforma como país, a partir dunha realidade tan dolorosa como é a dos incendios”.

Desas marxinalidades máis próximas a outras máis afastadas mais non por iso menos duras. A MIT continúa a prestar atención ao que sucede en Latinoamérica a través da obra da xornalista mexicana Lydia Cacho La infamia, un espectáculo inmersivo que reflicte a súa biografía persoal: desafiou e denunciou a mafiosos, políticos e multimillonarios que abusaron do seu poder destapando historias de corrupción que afectaban as elites mexicanas. “Lydia Cacho xogouse e estase xogando o pelello; de feito, está exiliada en España e non revela cal é o seu enderezo porque está ameazada por grupos moi poderosos que condicionan toda a vida política do seu país”, relata Pascual.

“É un espectáculo que mostra a importancia de coñecer e documentar as circunstancias nas que traballan persoas que teñen grandes responsabilidades sociais. A realidade sempre é complexa e vivimos nunha sociedade que busca solucións simples. A arte e o xornalismo están para desvelar todas as arestas dos conflitos, para recoñecer que o simplismo no discurso non achega solucións”. 

Outras formas de contar

Outros espectáculos como El Mar: visión de unos niños que no lo han visto nunca, de Xavier Bobés e Alberto Conejero, ou conservando memoria, da compañía El Patio, tratan temáticas socialmente relevantes a través dun teatro de obxectos que rompe cos mitos sobre este tipo de espectáculos. "Tratamos de deconstruír tópicos: o teatro de obxectos non é teatro de monicreques, e o teatro de monicreques non ten por que asociarse forzosamente co teatro infantil", destaca pascual. "En certo modo, esa tamén é unha reivindicación que lle debemos a unha figura tan importante para o noso teatro como é Tatán, Eduardo Cunha, a quen a Mostra lle outorga este ano o seu Premio de Honra".

Unha aposta persoal do director da MIT

A Mostra de Ribadavia mantén algunhas apostas por compañías que xa estiveron no festival e ás que segue acompañando (Marie de Jongh, José y sus hermanos...) mais tamén pretende ser a vía de entrada na Galiza de propostas descoñecidas aquí. Nese sentido, o director da MIT destaca a estrea no noso país da adaptación de As aves de Aristófanes que fai a compañía catalá La Calòrica, dirixida polo dramaturgo Joan Yago.

"Creo que agora mesmo é a compañía máis innovadora que se pode atopar dentro do panorama estatal", di Roberto Pascual. "Utiliza a Aristófanes para diseccionar o auxe dos populismos manexando unhas claves de comedia moi certeiras. Creo sinceramente que vai ser o gran descubrimento desta edición da MIT de Ribadavia"

Comentarios