A compañía estrea hoxe, no Teatro Municipal de Tui, 'As que limpan'

A Panadaría leva a escena as camareiras de piso e os conflitos do turismo

Despois do éxito de Elisa e Marcela, A Panadaría estrea hoxe, en Tui, o seu novo espectáculo, As que limpan, no que falan das camareiras de piso, un sector cuxos problemas están intimamente ligados cos dun modelo de turismo depredador e insostíbel. A compañía tira de humor para facer crítica social.
Areta Bolado e Ailén Kendelman, da compañía A Panadaría.
photo_camera Areta Bolado e Ailén Kendelman, da compañía A Panadaría.

De As que limpan sabemos aínda moi pouco, mais o que sabemos dá indicios de por onde pode ir o novo espectáculo da compañía A Panadaría. Da obra, que se estrea esta noite en Tui, no Teatro Municipal da Área Central, coñecemos unhas postais nas que alguén escribe Desde la tumbona vemos las excavadoras rellenando la costa de hormigón y cemento. Ya nos imaginamos el campo de golf que van a levantar encima, como un Benidorm chiquitito. Llegó el progreso a las Rías Baixas. Unha declaración na que as compoñentes a compañía -Areta Bolado, Noelia Castro e Ailén Kendelman- reivindican “a loita organizada das camareiras de piso dos hoteis por conseguir uns dereitos laborais e sociais xustos. Fronte a elas, a avaricia voraz dos propietarios das cadeas hostaleiras”. E algo de realidade: unhas traballadoras das que depende directamente o sector do turismo pero que non se benefician dos beneficios que deixa o seu florecemento. 

A Panadaría conquistou o público cun western xestual cando practicamente acababan de saír da escola de teatro: poucos foron os afeccionados ao teatro que resistiron a tentación de asomarse a ver Pan! Pan!, un espectáculo tan precario de medios como sobrado de frescura e talento e no que se ridiculizaban todos os clixés sobre a masculinidade presentes no cinema. Pagaron a peaxe do éxito prematuro coa súa segunda obra, Panamericana. E logo reconquistaron os patios de butacas de toda a península con Elisa e Marcela, o relato do primeiro matrimonio -pola Igrexa- entre mulleres. Agora, volven, segundo confesan a Nós Diario, “sen perder os sinais de identidade da compañía. Seguimos facendo humor, seguimos tendo unha mirada feminista e a música segue a ter un papel destacado no espectáculo. Aínda que tamén é verdade que hai algunhas innovacións”.

"A situación das mulleres que limpan, das amas de casa, das que traballan no servizo doméstico... Ao final decantámonos polas camareiras de piso da hostalaría, mais coa idea de concentrar nelas a problemática das mulleres que limpan, que somos todas”.

Elisa e Marcela efectuou unha xira particularmente longa, ao que se sumou o parón ao que obrigou a pandemia. Preguntámoslles ás compoñentes da Panadaría se hai algo de vertixe ao volver cun espectáculo novo aos escenarios, mais semella que a proposta foi precedida dunha fonda reflexión: “No teatro sempre falta o tempo, sempre chegas a unha estrea coa sensación de que facía falta algo máis de preparación. Pero si é certo que a pandemia nos deu moito tempo para pensar ben o que queriamos contar. Tivemos unha xira tan extensa con Elisa e Marcela que precisabamos parar, e aí a Covid serviu un pouco de axuda para reflexionar sobre o seguinte espectáculo. A situación das mulleres que limpan, das amas de casa, das que traballan no servizo doméstico... Ao final decantámonos polas camareiras de piso da hostalaría, mais coa idea de concentrar nelas a problemática das mulleres que limpan, que somos todas”. 

Un modelo de turismo depredador

O contexto sempre marca os discursos, e as compoñentes da Panadaría teñen claro que queren falar desde a Galiza, desde un lugar concreto cuxas particularidades poden axudar a entender a universalidade de certos conflitos. “A verdade é que nos interesaba moito falar dese modelo de turismo depredador que se leva instaurando desde hai décadas. Na Galiza, polo de agora, os problemas non son tan apremantes como noutros lugares, como as Canarias ou Baleares, pero a realidade é que ‘a Galiza se está poñendo de moda’, como dicimos nun momento do espectáculo e a ameaza está aí, asexando. Corremos o risco de estragar o territorio e mesmo a vida das persoas”. 

A Panadaría volve á fórmula inicial de traballar sen a figura dunha directora que guíe o espectáculo “aínda que tivemos o acompañamento de Paula Carballeira, cuxa mirada externa nos axudou moito en numerosos momentos do proceso de ensaios”. Mais volven co apoio do Centro Dramático Nacional, que coproduce a obra. Cal é a diferenza de traballar cunha institución como o CDN detrás? “Dá moita tranquilidade a nivel loxístico e, sobre todo, sentímolo como un respaldo ao noso traballo. Pero ao final, cando chega o momento de entrar na sala de ensaios, o proceso é sempre  o mesmo, segue sendo igual de arriscado”. 

Despois da estrea, As que limpan terá unha xira por diversas prazas da Galiza (Vilagarcía, Redondela, Vigo, As Pontes, Viveiro, Foz, Bertamiráns, Oleiros, Santiago e Gondomar), para despois estrear en castelán en Valencia e estar en cartel en Madrid durante un mes, onde algunhas das funcións serán en galego -“as últimas, moi perto do Día das Letras Galegas”. O recente affaire das Tanxugueiras podería facer pensar que xa é máis doado levar outras linguas a outras partes do Estado, mais as Panadeiras matizan: “Depende moito da zona. En Euskadi, por exemplo, a recepción é case como a que podemos ter aquí, En Madrid e en Castela, resulta sempre algo máis delicado. En todo caso, temos que dicir que, nese sentido, sempre tivemos o total apoio do CDN, no que parece haber unha sensibilidade diferente a respecto das linguas do Estado. Como debe ser, por outra parte, xa que si representa a todo Estado, terá que facelo reflectindo a súa pluralidade”. 

Feminismo con humor e música

A Panadaría logrou facerse un oco no inestábel panorama do teatro galego desde o seu primeiro espectáculo, Pan! Pan!, cunha singular mestura de feminismo, humor e música que lles outorga unha personalidade inmediatamente recoñecíbel. A súa fórmula semella amábel, aínda que a crítica social -cunha mirada sempre atenta ás discriminacións sufridas polas mulleres- asexa detrás de cada chanza, de cada sketch cómico. 

A historia de Elisa e Marcela levounas por toda a península e valeulles o recoñecemento de público e crítica. As que limpan, un novo reto para a compañía, fala, din elas, do "chan mollado sobre o que camiñamos cada día": teñen todos os números para non esvarar

Comentarios