domingo 07.06.2020

Xavier Queipo leva o Blanco Amor por unha historia sobre a Amazonia

O escritor Xavier Queipo, colaborador do Sermos en papel, vén de resultar gañador do 34ª edición do Premio Blanco Amor de Novela por ‘Os Kowa’. 

Xavier Queipo (foto Cé Tomé)
Xavier Queipo (foto Cé Tomé)

O dictame do xurado coñeceuse nesta sexta feira marcada polo pasamento de Neira Vilas. Foron membros do xurado os escritores Luís González Tosar e Bieito Iglesias; a profesora Malores Villanueva, e os críticos literarios Armando Requeixo e Francisco Martínez Bouzas.

‘Os Kowa‘ é unha historia trepidante que se desenvolve entre Europa e a Amazonia cun trasfondo de diálogo de identidades culturais e de respecto pola diversidade e pola natureza. 

O premio ten unha dotación económica de 12.000 euros e ademais o galardoado recibirá unha obra do escultor Acisclo Manzano. A entrega terá lugar o 1 de decembro en Ourense. 

Xavier Queipo (Santiago, 1957) é un escritor ben prolífico. Ten publicado catorce obras de narrativa para adultos e tres para rapaces, ademais de tres libros de poesía e catro de ensaio. Alén disto, ten participado en numerosas obras colectivas e ten verquido ao galego obras de Maalouf, Joyce, Conrad e Guibert. 

Entre outros premios, ten acadado o da Crítica española en 1990, o García Barros en 1996 ou o Xerais de 2011.

Queipo ten unha columna quincenal no semanario Sermos Galiza baixo o título xenérico de Prosa do Observatorio.

comentarios