Xabier Maceiras: "Nos 50 había máis salas de bailes na Coruña que en Barcelona ou Madrid"

O escritor, historiador e documentalista Xabier Maceiras está a presentar o seu novo libro,Os bailes dos avós. Músicas e salóns da Laracha de antano. O libro está prologado por Xabier Díaz, que residiu varios anos en Laracha.

xabier maceiras
photo_camera Foto: Brais M. B.

Como nace a idea de estudar os salóns de baile?

En realidade todos os meus traballos ( e este xa é o décimo) teñen a mesma finalidade, que non é outra que a recuperación da nosa memoria. Tanto publiquei sobre o mar e naufraxios (en Carballo, Malpica e Arteixo), como do pasado industrial (cun libro-documental sobre o Polígono de Sabón) ou da historia do fútbol en Arteixo e A Laracha. E agora tocou outra temática, neste caso a dos salóns de baile e dos músicos da Laracha. Os meus traballos sempre son de memoria.

A min encántama traballar nas leiras da memoria porque teño moi claro que cando marche a xente que agora ten máis de 80 anos non haberá de onde tirar para recuperar eses relatos de antano. Como di o meu amigo Miguel Sande, a memoria é onde se asentan os alicerces da nosa propia identidade. É o tesouro que cada quen ten gardado de seu e que nos configura como seres, como persoas, coas nosas vivencias.

Fai un percorrido destes lugares ao longo de máis de catro décadas. Como evolucionaron?

Aínda hai edificios que se manteñen en pé, iso si, algún deles cuberto pola vexetación. Houbo un momento no que as verbenas facíanse en todos os lugares do mesmo xeito e cando chegaba o inverno había que bailar ao abrigo. Os nosos antepasados bailaban en alpendres aos que nalgúns casos, para darlle un toque de elegancia, chamábanlle salóns. Nos anos 50 si que se acometeu algunha reforma para adecentar eses alpendres e que fosen salóns como tal. Logo, o nacemento da discoteca Pazos a mediados dos 60, convertiríase pouco a pouco na morte dos outros salóns de baile.

Que nos poden dicir estes sitios de como era a sociedade da Laracha e a contorna?

Pois estes sitios eran igual que en calquera punto da xeografía galega. Hai que pensar que falamos dun tempo nos que os medios de transporte eran os que eran e, en moitos casos, desprazarse ata a capital municipal no era doado. Por iso había como mínimo un salón en cada parroquia no que a xuventude da época bailaba e moceaba.

É un traballo que se podería chamar de etnografía. Levoulle moito a investigación? Foi doado atopar xente que falase daquelas épocas?

Eu diría que si, que efectivamente tamén é un traballo etnográfico. Non podo concretar as horas de investigación e de traballo de campo que hai detrás deste libro, mais asegúrolle que son moitas, abofé! E tamén hai moitos quilómetros feitos. A Laracha, coas súas trece parroquias, é un dos municipios galegos con máis núcleos de poboación, así que xa se pode imaxinar. Con relación á xente, bueno, tiven as miñas dificultades porque en moitos lugares non me coñecían e tiven que gañarme a súa confianza pouco a pouco. De feito, en moitos lugares preguntáronme se era o do catastro .

Chamoulle algo a atención?

Hai algunha que outra anécdota, entre elas a que nos contou algún mozo e algunha moza daquela época -testemuños que hoxe teñen máis de 80 anos de idade-. Seica non foron poucas as leas que se armaron nos salóns de baile por non respectar as normas dos letreiros que había en varios destes locais, normas tan suxestivas como "Prohibido ceder la pareja" ou "Prohibido remudar la pareja".

Nos anos 50 había máis salas de baile na provincia da Coruña que en Madrid. Como se entende isto?

Iso é porque os galegos e as galegas sempre fomos moi festixeiros (risas). Hai unha información do ano 1951 que di que no estado español había nesa altura unha 2.800 salas de bailes e que a provincia da Coruña era a que máis tiña, con 230. Nese momento na provincia de Barcelona había 205 e na de Madrid, 106.

No libro tamén se fala dos músicos da zona, que non eran poucos. Que pode dicirnos deles?

Na obra falamos de músicos da Laracha como Segimundo Regueiro; Paco Rodríguez, un dos primeiros integrantes dos lendarios 'Los Tamara'; de Melchor Rodo, unha das grandes voces de Bergantiños que gañara un concurso en TVE; de Francisco Iglesias, que nos anos 40 gañara un concurso radiofónico; ou da saxofonista Carmen Mallo "A Maricaina", que foi unha das primeiras mulleres que subiu a un escenario e unha das que abriu camiño entre a espesura na loita pola igualdade. Tamén teñen o seu protagonismo varios gaiteiros do municipio; Olimpia Puente, verdadeiro referente do noso folclore; ou artistas e bandas que actuaban na Laracha, casos de 'Los Satélites'; Finita Gay 'A Martela'; a orquestra dos irmáns Mallo de Feáns; ou, entre outros, do grande Pucho Boedo, de quen publicamos algunha foto inédita.

Comentarios