Xa se coñecen os finalistas dos Premios Follas Novas do Libro Galego

O libro sobre a historia da compañía Chévere acada tres candidaturas.
MIguel de Lira na presentación de 'Chévere. Trinta e cinco anos de axitación cultural'. (Foto: Kalandraka)
photo_camera MIguel de Lira na presentación de 'Chévere. Trinta e cinco anos de axitación cultural'. (Foto: Kalandraka)

A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, a Asociación Galega de Editoras e a Federación de Librarías da Galiza anunciaron onte as trinta e nove candidaturas que optarán aos Premios Follas Novas do Libro Galego na súa edición 2023 nas 13 categorías existentes.

Antía Yáñez, Berta Dávila e Moncha Fuentes compiten pola mellor obra de narrativa con Non penses nun elefante rosa, Os seres queridos e O tradutor de sombras respectivamente. Na categoría de poesía, son Barroco, de Antía Otero, Materia, de Yolanda Castaño e Montaña Ioga, de Lupe Gómez as candidatas ao premio.

Barroco tamén compite na categoría de Libro Mellor Editado, xunto con Criptografías, de Pepe Cáccamo e Baldo Ramos, e Chévere 1987-2022. Trinta e cinco anos de axitación cultural, o volume editado por Kalandraka sobre a traxectoria da compañía teatral Chévere. 

Ese mesmo volume sobre Chévere tamén é finalista dentro da categoría de Mellor Libro de Teatro, na que tamén compiten As alumnas, de Paula Carballeira, e Estrela fugaz, de Carlos Labraña.

As mellores traducións, segundo a selección dos promotores son Carol, de Patricia Highsmith, e Léxico familiar, de Natalia Ginzburg, ambas traducidas por María Alonso Seisdedos, e O verán en que miña nai tivo os ollos verdes, de Tatiana Țîbuleac, traducida por Andreea Birsanu.

Cando leo, de Bea Gregores; Verme, de Federico Fernández e Germán González, e Violeta Parapluie e outras historias de xente pouco corrente, de Ramón D. Veiga (autor) e Iván R. (ilustrador), son os candidatos ao premio ao Mellor Libro Ilustrado.

En iniciativa bibliográfica son finalistas dúas antoloxías sobre autoras, Así fala Penélope (Unha antoloxía de xénero), de Chan da Pólvora, e Entre leiras e labores (antoloxía verbo-visual de autoras galegas), de Urutau, xunto con Chévere 1987-2022.

No apartado de ensaio chegaron a final A defunción dos sexos. Disidentes sexuais na Galiza contemporánea, de Daniela Ferrández Pérez, A música das palabras, de Darío Xohán Cabana, e Maternidades virtuosas, de María do Cebreiro.

Canto as obras de divulgación, o premio desputarase entre Juana de Vega. A muller que desafiou o seu tempo, de Marilar Aleixandre e Emma Pedreira, O libro negro da lingua galega, de Carlos Callón, e Memoria diversa, de Eva Mejuto.

O vindeiro 22 de abril de 2023, daranse a coñecer as gañadoras na xa tradicional gala de entrega de premios Follas Novas do Libro Galego.

Comentarios