Contracultura

Antía Otero: "Para min era importante incluír referentes femininas neste relato que constrúo co Barroco"

Antía Otero, poeta, vén de publicar Barroco (Apiario), un poemario no que mestura a súa formación en Historia da Arte, as teorías e referencias propias deste movemento artístico e unha escrita íntima. Otero aborda o espazo entre os extremos, xa que, como ela di, “cústanos atopar outros lugares ou marxes dentro dos termos”. 
 
Antía Otero mestura en Barroco a súa escrita coa formación en Historia da Arte (Foto: Aigi Boga).
photo_camera Antía Otero mestura en Barroco a súa escrita coa formación en Historia da Arte (Foto: Aigi Boga).

Presentando Barroco en Twitter, dicía que era como un día ventoso e morno a un tempo.

Este poemario xurdiu despois de bastante tempo de inflexión entre un libro e outro, porque eu teño unha escrita lenta. Xurdiu a raíz dunha pregunta que eu até o de agora na miña traxectoria non me fixera así, con tanta rotundidade: Que relación teñen a arte e a escrita? Que relación teñen para min? Tendo en conta a miña formación como historiadora da arte, é certo que todas as referencias artísticas que eu ía empregando sempre saían dun modo moi natural, polo que nunca me paraba a entender realmente onde estaba ese roce concretamente. 

Despois de observar e de analizar moito, fun chegando a un termo: o efémero. Penso que hai algo aí, no efémero, en relación coa iconografía e coa simboloxía que para min é o que testemuña directamente ese parentesco, esa interpretación natural. Sempre me interesou cando nun feito cotián de súpeto eu detectaba que había unha expresión artística e iso foi o que quixen levar á escrita: o roce entre o feito artístico e o fenómeno natural.

Cando pensamos nun día ventoso, rapidamente temos a idea do frío, deste tempo no que non queres saír da casa, mais o vento tamén pode ser morno. Esa é a cuestión. Ese era un día ventoso, mais tremendamente morno por todo o cariño que recibín. 

Ao final, movémonos nas contradicións e son moi interesantes estes lugares mestizos nos que non todo é branco nin negro. Aí aparece o concepto do claroscuro, algo moi presente no movemento do Barroco, mais tamén no libro, como algo que fai visíbel o invisíbel. 

O efémero como un antónimo do permanente?

Normalmente entendémolo así porque sempre traballamos por contrarios, cústanos atopar outros lugares ou marxes dentro dos termos. Barroco colócase no efémero, mais nese efémero que é tan dilatado que queda suspendido. Esa é a palabra, porque no libro trabállase moito tempo co que queda suspendido: co po na luz, eses depósitos que quedan enriba dos mobles... 

Ao final, a cuestión de que o libro se chame Barroco ten moito que ver con que eu precisaba un marco para poder escribir todo isto, que me permitise traballar entre ese marco teórico e a presenza do íntimo que sempre está na miña escrita.

O Barroco dalgunha maneira é un marco, mais tamén unha constrición, no que eu atopaba todo o que quería traballar. Isto do efémero, a simboloxía na que se atopan o cotián e o solemne; a cerimonia, o sacro e o profano; o roce entre estes dous lugares... Está todo no estilo artístico do Barroco.

De aí que todos os poemas teñan un título que fai referencia a un tema propio do Barroco: as naturezas mortas, a apoteose, as paisaxes históricas, as éxtases... Foi tamén un traballo de pulso grande e de escrita na que tiven que medir moi ben entre a técnica e a emoción que quería pór no libro. 

Tamén hai un espazo para a reivindicación.

Para min era moi importante incluír referentes femininas neste relato que eu constrúo co Barroco, determinadas mulleres das que eu, ao longo da miña formación, non puiden escoitar nada dentro das aulas da facultade. Son artistas cun valor como o que poden ter outros artistas varóns, mais elas estaban fóra dos manuais. Nunca as nomearon. Tívenas que descubrir unha vez abandonei a universidade por un interese e pescuda persoal. 

Dalgunha maneira, é facer un oco a todas esas mulleres que quedaron nas marxes, á intemperie. E aínda hai algo que me parece máis perverso: cando chegas ao último ano da carreira e estudas os novos comportamentos contemporáneos, fálanche das activistas dos anos 80 que se puxeron en pé de guerra reivindicando que non había mulleres autoras nos museos mentres que si estaban os seus corpos espidos representados. 

Comentarios