Volve a danza ao Teatro Rosalía en xuño

Dentro da denominada Programación Expandida TRC Danza.
teatro Rosalía
photo_camera Teatro Rosalía

Logo do anuncio dos primeiros espectáculos en devolver a actividade á Rede Galega de Teatros e Auditorios, o Teatro Rosalía Castro da Coruña vén de comunicar o retorno da danza dentro da denominada Programación Expandida TRC Danza. De momento, están en cartel tres funcións para o presente mes:  Thesauros, de Ánxela Blanco, o 25 de xuño; O que segue, de Fumboa Escénica, o 26; e Soma, de Javier Martín, o 27. As dúas últimas son coproducións co Centro Dramático Galego - Salón Teatro. Todas elas darán comezo ás 21 horas.

En O que segue, Cristina Balboa dirixe e interpreta un espectáculo no que levaba tempo pensando, que aproveita a súa nova faceta de compositora musical, a afección polo baile nas discotecas e a "miña querenza cara aos textos demoledores", explica a autora. "Unha fuxida cara a adiante, un exceso de futuro. O que segue é atopar un modo de vivir intelixente, de aceptación dunha mesma e das outras", engade.

Pola súa banda, Thesaurus trae ás táboas "fragmentos da paisaxe do corpo, texturas sonoras e calidades do movemento como descritoras abstractas", expresa a organización. Colaboran Mónica de Nut, Paula Pin e Nuria Sotelo.

O encontro entre o escultor ambientalista e performer Joaquin Jara e o coreógrafo galego e investigador no eido das artes do movemento Javier Martín deu lugar a Soma, unha experimentación escénica que se concentra no estudo do corpo como sombra e fragmento. Nesta creación –performance, acción e instalación– bailarín, escultor, iluminador e músico comparten a acción escénica, transitando por diferentes estados físicos, conceptos estéticos e calidades de movemento.

O ambiente sonoro é creación de Artur M. Puga

Comentarios