Intelectuais españois a prol do 1-O

Voces críticas pola autodeterminación

O xénero do manifesto de intelectuais ten unha longa tradición no Estado español. Á calor do proceso de autodeterminación do pobo catalán cobrou especial relevancia aquel dos que cualfican de "estafa" o referendo convocado pola Generalitat o vindeiro 1 de outubro. Pero tamén existen pensadores, artistas e figuras públicas que apoian as votacións do domingo e o dereito de autodeterminación de Catalunya na conxuntura actual.
 

@iontelleria catalunya
photo_camera Manifestantes en Barcelona a pasada semana.

"Prefiro unha España máis pequena e máis democrática ca unha ditadura moi grande onde non se poña o sol". Así argumenta o filósofo Santiago Alba Rico (Madrid, 1960), no seu día guionista de La bola de cristal e hoxe autor de ensaios que pescudan na violencia antropolóxica do capitalismo, a súa posición a prol do 1-O. Sobre o que chegou a escribir que, se fose catalán, "votaría sen dúbida o 1-O. Ou intentaríao". E que votaría non, por considerar que é o Govern "non está en condicións de empregar ben o noso si".

Alba Rico foi candidato ao Senado por Podemos. Na órbita dese partido, sobre todo nos sectores ligados á corrente Anticapitalistas, diversas voces adoptan posicións pro referendo. Jaime Pastor (Valencia, 1946), histórico dirixente da Liga Comunista Revolucionaria -a tradición política da que proceden os anticapitalistas-, dedicou o seu último libro á cuestión: Los nacionalismos, el Estado español y la izquierda (2012). "O referendo axudaría á democratización de España", afirmou Pastor nunha entrevista o pasado agosto en que avanzaba as súas simpatías polo si, malia que sempre fora "federalista". "A sentencia do Estatut pechou a porta á vía federalizante", engadía.

O salto cualitativo, e cuantitativo, na resposta do Estado provocou nas últimas semanas, como efecto colateral, que intelectuais e ensaístas ligados á esquerda se pronunciasen tamén sobre a defensa dos dereitos civís. Isidro López (Madrid, 1973), deputado de Podemos na Asemblea de Madrid e coautor do fundamental Fin de ciclo. Financiarización, territorio y sociedad de propietarios en la onda larga del capitalismo hispano (2010), foi un deles. Sumouse publicamente á manifestación do pasado 20 de setembro na Puerta del Sol de Madrid baixo a palabra de orde "polo dereito a decidir e as liberdades democráticas".

Emmanuel Rodríguez (Madrid, 1974), a outra sinatura de Fin de ciclo e responsábel de incisivas investigacións sobre a actualidade -La política en el ocaso de la clase media (2016) titúlase o seu último libro-, tamén amosou o seu apoio á mobilización: "Isto non vai de nacións nin de partidos, vai de democracia". Como o novelista, e prolífico articulista de prensa, Isaac Rosa (Sevilla, 1974), quen se expresaba así logo da suspensión xudicial dunha conferencia da deputada das CUP Anna Gabriel en Gasteiz: "Para independizarse non sei, pero para algo si serve o 1-O: amosar o deterioro da democracia a quen aínda non o vira".

Rosa é colaborador habitual da revista xornalística mensual La Marea, editada en Madrid e cuxa última cuberta di: "Eu tamén quero un referendo para Catalunya". A prol do referendo e do si á independencia fala decote o profesor Ramón Cotarelo (Madrid, 1943), catedrático emérito de ciencia política e da aministración na UNED. Nunha recente entrevista cualificaba España de "irreformábel" e aseguraba que "a oposición á continuidade do vello Estado español se territorializou en Catalunya. Hai que apoiar ese proceso e ver que sae de aí".

O escritor e editor Alfonso Sastre (Madrid, 1926), que reside hai décadas en Euskadi, é un dos asinantes do Manifesto 1 de Outubro. "As liberdades conquístanse e mantéñense exercéndoas", di o documento e quen o asinan, "defendemos que o pobo catalán poida facer efectivo o seu dereito de autodeterminación". O texto remata con clareza: "Defendemos a convocatoria do 1 de outubro e apoiamos que exista o máximo de mobilización e participación no referendo para que sexa coñecida e respectada a vontade maioritaria".

O cineasta Benito Zambrano (Sevilla, 1965), aclamado pola súa longametraxe Solas (1999), é outro dos nomes que sosteñen a posición do Manifesto 1 de Outubro, refrendado por cargos e dirixentes de practicamente todas as tendencias da esquerda de todo o Estado. O músico asturiano Nacho Vegas (Xixón, 1975), achegado á ala esquerda de Podemos, ou o ensaísta César Rendueles (Girona, 1975), autor de agudas análises sobre a dominación e as carencias no capitalismo como Sociofobia (2013) ou Capitalismo canalla (2015) tamén o din en voz alta apoiados na lectura dos anticapitalistas: "O 1-O, votar e desobedecer é democracia".

Comentarios