Análise

Vila do Conde: Cinema nacional, cinema universal

Con motivo da 25 edición do Curtas de Vila do Conde, que botou a ollada ao pasado en forma de amplo ciclo e do libro 25 Anos, 25 Histórias, centrámonos no estado actual do cinema portugués da man do especialista en cinema Martin Pawley. Eis un extracto do publicado no número 255 de Sermos Galiza.

FARPOES BALDIOS
photo_camera Fotograma dunhas das fitas do festival

O Curtas de Vila do Conde naceu dunha decisión arroxada e quizais un pouco inconsciente: a de organizar un festival de curtametraxes nun país no que apenas se exhibían (e aínda menos se facían) curtametraxes. Detrás desa feliz arroutada estaban cinco homes por debaixo dos trinta anos que viñan de activar o cineclube local: Miguel Dias, Nuno Rodrigues, Mário Micaelo, Dario Oliveira e Rui Maia. A súa cinefilia tiña como referencia, entre outras fontes, o lendario Festival Internacional de Cinema da Figueira da Foz, oasis de modernidade fílmica que entre 1972 e 2002 dirixiu e promoveu José Vieira Marques. Mais o grupo vilacondense quería ir máis alá. No país había xa diversos festivais, mais todos eles “não chegam a constituir verdadeiros acontecimentos nacionais, nem possuem a tão desejada projecção internacional”, segundo afirman no catálogo do primeiro Festival Internacional de Curtas-Metragens. O obxectivo do ousado quinteto non era pequeno: crear unha cita nova co ánimo de facerse un oco no mundo dende unha vila de vinte mil habitantes. A súa vila.

Corría o ano 1993 e o correo electrónico non existía. Para ver filmes era preciso dispoñer dunha copia física e os contactos facíanse por teléfono, correo postal ou mesmo telegrama. As dificultades técnicas e loxísticas dun tempo non tan distante que agora parece prehistórico non impediron a audacia de traeren a Vila do Conde ao armenio Artavazd Pelechian ou ao estadounidense Gus van Sant en edicións temperás do festival. Nunha época na que cumprir o programa e horarios previstos xa era de seu un desafío, o Curtas optou por complicarse a vida e organizar retrospectivas laboriosas e actividades complementarias que tendían pontes con outras formas artísticas, nomeadamente a música, hoxe elemento básico da súa proposta anual. A boa resposta dos espectadores demostrou dende o inicio que a aposta tiña sentido. Devagar foi desenvolvéndose unha produción nacional de curtas alentada en parte pola convocatoria de axudas públicas e o Curtas estivo aí para celebrala como era debido. A finais dos 90 nace o sintagma “Gerações Curtas” para designar unha nova ola de autores nacidos nos 60 e 70 que non tardaron en obter recoñecemento internacional. Hoxe asociamos a Vila do Conde os nomes de João Pedro Rodrigues, Miguel Gomes, Sandro Aguilar e João Nicolau, figuras respectadas que fixeron que os cinéfilos pousásemos os ollos en Portugal, mais o asombroso é que dende eses felices anos de consolidación non deixaron de emerxer autores no país veciño.

[Podes ler a peza íntegra no Sermos Galiza 255, á venda na loxa e nos quiosques e puntos habituais]

Comentarios