Decorre do 18 ao 21 de novembro

Un VII Carballo Interplay en chave "feminista e diversa"

O Festival de Contidos Dixitais Carballo Interplay decorrerá  nesta súa VII edición do 18 ao 21 de novembro, de novo baixo a dirección da actriz Sonia Méndez. 
Lorena Iglesias_Necroshow
photo_camera Lorena Iglesias en 'Necroshow'. / Nós Diario

Toca agora un festival "híbrido" que ofrecerá a oportunidade de gozar, ao vivo e de modo virtual, co Necroshow de Lorena Iglesias, co Estirando el chicle de Living Postureo e Percebesygrelos e co Ciberlocutorio de Anna Pacheco e Andrea Gumes, no que o convidado será Brays Efe. Todos eles, espectáculos pensados, dirixidos e protagonizados por mulleres que desenvolveron os seus traballos desde a resistencia e desde internet, en distintos formatos e plataformas.

Tamén estará presente o debate, desta volta co machismo na industria do videoxogo, a través dunha conversa en liña pensada para o Ensino Secundario e que terá lugar entre Marina Amores 'Blissy', autora de Nerfeadas, e a divulgadora de eSports Minia 'Samku' Monteagudo. 

Marta Salicrú é outra das convidadas nesta edición "feminista, diversa, aberta e disidente" do Carballo Interplay, como a definen desde a organización do evento. Salicrú, que falará no festival arredor da importancia de impulsar e manter unha radio feminista, é a directora de Radio Primavera Sound, xornalista musical cunha traxectoria de 15 anos e que ten participado en eventos de carácter internacional como o Eurosonic Noorderstag, Primavera Pro, M for Montreal ou o Lisbon International Music Network.

Unha edición que non esquece a escena musical

Nestes sete anos, Carballo Interplay converteuse no festival de contidos dixitais máis importante do Estado, sen descoidar o "compromiso coa cultura do país". Así, o día 21, acollerá un concerto e unha entrevista co grupo revelación na escena musical, Verto, formado polos estudantes de medicina Alberto Mira e Fernando Peleteiro e que, en menos dun ano "conseguiron converter o seu proxecto musical pop divertido e desenfadado nun referente para a mocidade", din desde o festival. 

O festival ofrecerá tamén nesta VII edición, en directo e a través da rede, unha escolma dos mellores podcast galegos, seleccionados por Isaac González, e un percorrido polas etapas e as xeracións do Youtube feito na Galiza, da man de Miguel Silva Conde.

Comentarios