VÍDEO | 'As que tiñan que estar', o novo temas das Tanxugueiras xunto con Juancho Marqués

A canción, que vén acompañada por un vídeo producido por Trece Amarillo e PlayPlan, xira arredor dos conceptos de amizade, compartir, e ter ao teu carón as persoas que suman, propondo a compañía como algo san, pero tamén de estar en paz cun mesmo e de pór en valor todo o que nos brinda a vida.

Juancho Marqués xunto coas Tanxugueiras (Foto: Panorámica Agency).
photo_camera Juancho Marqués xunto coas Tanxugueiras (Foto: Panorámica Agency).

Tanxugueiras veñen de estrear o seu novo single, ‘As que tiñan que estar’, no que colaboran co artista Juancho Marqués. O tema supón un dos últimos lanzamentos de Tanxugueiras deste 2023, chegando xusto antes do seu concerto fin de xira o 16 de decembro no Coliseum da Coruña, bautizado como “O derradeiro diluvio”.

Esta data preséntase “cunha relevancia especial posto que conseguirán o fito histórico de ser as primeiras artistas en galego que consigan encher o maior recinto fechado de concertos do noroeste da Península, vendendo máis de 5.000 entradas en só 24 horas tras a súa posta á venda hai uns meses”, indican desde a Axencia Panorámica.

A canción

A canción, que vén acompañada por un vídeo producido por Trece Amarillo e PlayPlan, xira arredor dos conceptos de amizade, compartir, e ter ao teu carón as persoas que suman, propondo a compañía como algo san, pero tamén de estar en paz cun mesmo e de pór en valor todo o que nos brinda a vida.

En resumo, de vivir e non simplemente existir, e facelo rodeados de xente que achega, nun intento de transcender persoalmente. ‘As que tiñan que estar’ foi producida e gravada por Ale Acosta e Gabi Fernández.

Juancho Marqués, que colabora no tema, está convertido xa nun referente do panorama urbano do Estado español, acaba de publicar o seu último EP, Summer Series’23, cinco cancións e un remix nas cales o madrileño volve reivindicar a súa versatilidade e o seu selo inconfundíbel, de ton cálido e temática sentimental, co que leva xa máis de quince anos rachando as barreiras do estabelecido no hip hop estatal.

Recoñecemento

O tema chega cun novo recoñecemento ao traballo e traxectoria do trío galego, que este pasado fin de semana alzouse co Premio da Crítica da Galiza na categoría Música.

Desde 1978 e de forma ininterrompida, estes galardóns recoñecen cada ano a excelencia e a relevancia das labores individuais e colectivas máis destacadas nos diversos ámbitos da creación cultural e da investigación na Galiza.

Comentarios