Tanxugueiras triunfan na gala dos Premios da Música Independente

Nominadas en sete categorías, conseguiron gañar dúas delas: ‘Mellor álbum de música de raíz’ e ‘Mellor álbum en galego’ por Diluvio, o seu último disco, editado no verán de 2022 por Calaverita Records.
Tanxugueiras recollen os galardóns en Mallorca (Foto: Panorámica Agency).
photo_camera Tanxugueiras recollen os galardóns en Mallorca (Foto: Panorámica Agency).

A gala do XV Aniversario dos Premios da Música Indepente tivo lugar na noita desta cuarta feira en Palma de Mallorca, reunindo e premiando as e os artistas máis destacados da escena independente do Estado español no último ano.

Tanxugueiras, nominadas en sete categorías, conseguiron gañar dúas delas: ‘Mellor álbum de música de raíz’ e ‘Mellor álbum en galego’ por Diluvio, o seu último disco, editado no verán de 2022 por Calaverita Records.

Este dobre recoñecemento para o trío galego chega xusto despois de recoller o mes pasado o premio ‘Artista Revelación Alternativa 2023’ dos Premios Odeón e apenas dúas semanas despois da estrea do seu novo tema Aire, producido por Lowlight (C. Tangana, Israel B, Yung Beef, Albany e varios outros músicos da escena urbana) e na cal demostran “unha vez máis a súa continua exploración de novos retos e posibilidades sonoras”, indican desde a axencia Ponrámica.

Tanxugueiras

Sabela Maneiro, Aida Tarrío e Olaia Maneiro son Tanxugueiras, “tres cantareiras para unha nova década. Só elas son capaces de reinterpretar os sons dunha tradición milenaria fundíndoa con ritmos urbanos, máis próximos ao trap ou á electrónica. A súa enerxía, o seu empoderamento, a súa contundencia e o seu virtuosismo vocal son os mellores exemplos do seu estilo innovador, coñecido como trad” manifestan desde a axecia.

O trío “recolle o legado das pandeireteiras, as mulleres que traballaron para manter viva a música tradicional galega, para revisala e relanzala ao mundo nunha explosión de modernidade, cun estilo épico e unha forza ancestral que as fixo triunfar xa en escenarios de varios países”.

Aválanas éxitos como MidasFigaAverno (colaboración con Rayden), Pano corado ou Terra, canción coa que se alzaron como favoritas do público no Benidorm Fest.

Comentarios