VÍDEO | Así é 'Aire', a nova canción das Tanxugueiras

'Aire' é o novo lanzamento do trío galego, contando nesta ocasión coa produción de Lowlight, e demostrando unha vez máis a súa continua exploración de novos retos e posibilidades sonoras nas súas cancións.
Tanxugueiras veñen de publicar o seu novo tema, 'Aire' (Foto: Panorámica Agency).
photo_camera Tanxugueiras veñen de publicar o seu novo tema, 'Aire' (Foto: Panorámica Agency).

Tras o éxito do seu disco Diluvio, que acumula xa máis de 60 millóns de visualizacións en todas as plataformas dixitais, as colaboracións con Iván Ferreiro, Macaco e Rozalén, e a súa recente candidatura a sete categorías nos Premios MIN, Tanxugueiras estrean esta sexta feira un novo sinxelo.

Aire é o novo lanzamento do trío galego, contando nesta ocasión coa produción de Lowlight, e demostrando unha vez máis a súa continua exploración de novos retos e posibilidades sonoras nas súas cancións.

En palabras da banda, Aire “é unha canción que fala de liberdade, de ser e de reinventarse. Unha viaxe a toda velocidade sen pensar moi ben nas consecuencias e actuando inconscientemente, pero facéndoo dende a verdade e o sentimento máis salvaxe e instintivo, buscando unha evolución persoal. Como sempre, nel reside unha mensaxe empoderadora onde se animan todas as persoas a levar o seu ser á máxima potencia, e a brillar sen medo aos prexuízos nin ao que dirán”.

As Tanxugueiras

Sabela Maneiro, Aida Tarrío e Olaia Maneiro son Tanxugueiras, tres cantareiras para unha nova década. Son capaces de reinterpretar os sons dunha tradición milenaria fundíndoa con ritmos urbanos, máis próximos ao trap ou á electrónica.

A súa enerxía, o seu empoderamento, a súa contundencia e o seu virtuosismo vocal son os mellores exemplos do seu estilo innovador, coñecido como trad.

O trío recolle o legado das pandeireteiras, as mulleres que traballaron para manter viva a música tradicional galega, para revisala e relanzala ao mundo nunha explosión de modernidade, cun estilo épico e unha forza ancestral que as fixo triunfar xa en escenarios de varios países.

Aválanas éxitos como Midas, Figa, Averno (colaboración co artista Rayden), Pano corado ou Terra, canción coa que se alzaron como favoritas do público no Benidorm Fest.

Todos estes sinxelos forman parte do seu último disco, Diluvio, publicado en xullo de 2022 e que continúan presentando este 2023 nun espectáculo moi potente, Xira Midas, con máis de 100 datas confirmadas en todo o Estado, da man da súa oficina PlayPlan e estreando música nova editada por Calaverita Records.

Son o son dun pobo internacionalizado. Son cultura tradicional na pista de baile. Son todos os mundo nun. Porque para Tanxugueiras “non hai fronteiras”.

Artistas revelación

Tanxugueiras gañou a pasada semana o premio Artista Revelación Alternativa 2023 que outorgan os Premios Odeón. Organizados por AGEDI, (entidade de dereitos de propiedade intelectual que reúne produtoras e discográficas), estes galardóns premian os traballos discográficos dos artistas do Estado español máis exitosos en 2022 en canto a vendas.

Comentarios