Tanxugueiras, grupo máis nomeado aos XV Premios de Música Independente

As galegas optan a gañar sete dos 21 galardóns, entre eles, o de mellor álbum do ano e mellor directo.

Tanxugueiras no Benidorm Fest. (Foto: Rocío Cibes)
photo_camera Tanxugueiras no Benidorm Fest. (Foto: Rocío Cibes)

Tanxugueiras son o grupo con máis nomeamentos aos XV Premios de Música Indepedente (MIN) ao optar a sete galardóns, entre eles o de mellor álbum do ano e mellor directo.

A artista Samantha Hudson será a mestra de cerimonias da gala de entrega premios, que terá lugar en Palma de Mallorca (Illes Balears) coas actuacións de La La Love You, Karmento, shego, Las Migas, Xavibo e OR (O-ERRA).

O trío galego formado por Aida Tarrío e as irmás Olaia e Sabela Maneiro está entre os nomeados en sete das 21 categorías que comprenden os galardóns deste ano.

Tanxugueiras opta ao premio 'The Orchard a Álbum do Ano', 'Sympathy for the Lawyer a Mellor Videoclip', 'Álbum Música de Raíz', 'Álbum Gallego', 'SAE Spain a Produción Musical', 'Mellor Letra Orixinal' e 'Ticketmaster a Mellor Directo'.

Grupos nomeados

Séguenlle, con seis nomeamentos, Los Estanques e Anni B Sweet ('The Orchard a Álbum do Ano', 'Radio 3 a Canción do Ano', 'Amazon Music a Mellor Artista', 'Ticketmaster a Mellor Directo', 'AGEDI a Mellor Álbum de Pop' e 'SAE Spain a Produción Musical').

Por detrás posiciónase a cantante Zahara con cinco candidaturas a 'Radio 3 a Canción do Ano', 'Amazon Music a Mellor Artista', 'Ticketmaster a Mellor Directo', 'Mellor Letra Orixinal' e 'Marilians a Deseño Gráfico'.

Así mesmo, con catro oportunidades de levar o premio atópanse Vicente Navarro e as Ginebras. Seguidamente, artistas como Alice Wonder, Rigoberta Bandini ou Las Migas, optan a tres nomeamentos.

Organizados pola Unión Fonográfica Independente (UFI), os Premios MIN naceron en 2009 para recoñecer a creación, diversidade e calidade artística das producións independentes feitas en España.

Despois de catorce edicións, consolidáronse como un referente da industria musical española e son os únicos premios concedidos pola propia industria que se entregan en España, coa misión de dar a coñecer aos artistas emerxentes a novos públicos, achegando a música á sociedade, consolidando o recoñecemento da actividade creativa e divulgando o valor da propiedade intelectual.

Comentarios