Aida Tarrío (Tanxugueiras): "A boa acollida que tivemos no Benidorm Fest fai que nos sintamos as gañadoras"

Aida Tarrío relata para 'Nós Diario' a experiencia do Benidorm Fest e toda a repercusión derivada do evento así como os plans de futuro do grupo.
Tanxugueiras no Benidorm Fest. (Foto: Rocío Cibes)
photo_camera Tanxugueiras no Benidorm Fest. (Foto: Rocío Cibes)

"Mulleres fortes, valentes e empoderadas. Cantareiras dunha nova década", así se definen  Tanxugueiras: Aida Tarrío, Sabela Maneiro e Olaia Maneiro, as encargadas de ilusionar un pobo e de levar a súa lingua a lugares onde era difícil imaxinala. Nós Diario falou con Aida Tarrío que relatou como foi a súa experiencia no Benidorm Fest e os plans que teñen para o futuro do grupo.

— Como foi o nacemento de Tanxugueiras?

Tanxugueiras foi un grupo que naceu da nada. Cada unha tiña a súa vida, o seu traballo... O único que queriamos era ter unhas pezas consensuadas para poder tocar nas foliadas. Aos poucos, comezamos a ver como o mundo da música tradicional aínda tiña moito público e que moita xente gustaba de Tanxugueiras, entón chegou un punto onde nos propuxemos profesionalizarnos. Creo que falo en nome das tres ao dicir que nacemos para isto e queremos seguir a traballar en Tanxugueiras até que poidamos, xa que somos conscientes que vivir da música é todo un agasallo. 

— Como ven a situación da música en galego?

Creo que estamos nun momento moi doce na música galega. Obviamente, hai moito que camiñar e moito que afianzar. Todo o que aconteceu con Tanxugueiras ten que servir para que a xente consuma máis música en galego. Estamos nun momento moi bonito, mais fica moito por facer e moito que demostrar; na Galiza hai moita calidade musical en case calquera estilo de música: no rock, no trap ou no reggaeton, infinidade de estilos nos cales se produce música no noso idioma, o que temos que continuar a intentar é que máis xente coñeza o noso potencial e se interese por todo o que ten que ofrecer a cultura galega.

O Benidorm Fest fixo que nos désemos conta de até onde pode chegar a música en galego, non si?
O que aprendemos do Benidorm Fest é que a música tradicional en galego está preparada para o que for. Agora temos que seguir a camiñar e traballar para facer que a xente escoite música en galego tanto dentro como fóra da Galiza mais tamén en euskera, catalán ou calquera outra lingua. Hai moitas persoas que escoitan música en inglés sen entender a letra e que gustan da propia música independentemente do idioma en que está escrita, isto é practicamente o mesmo.

— Como viviron a experiencia do Benidorm Fest?

Foi unha experiencia moi boa, mais tamén estraña, xa que nunca estiveramos nun formato televisivo nin de concurso. Co que ficamos é coa boa acollida que tivo a nosa música, o noso proxecto e a nosa lingua, só por iso xa nos sentimos gañadoras. Tamén temos claro que onde mellor nos desenvolvemos e onde nos encontramos máis cómodas é nos directos.

— Esperan un apoio tan amplo por parte do público?

Sabiamos que desde a Galiza a xente ía estar a morte connosco,  porque recibimos moitas mensaxes e moito apoio de parte de numerosas persoas. De todos os modos, tamén creo que non todos os votos que recibimos foron de xente galega, houbo moita xente de fóra que votou por nós e iso si que nos sorprendeu moitísimo. Ao final demostrouse que 'non hai fronteiras' e estamos realmente agradecidas a todas as persoas que puxeron parte do seu diñeiro en darnos o seu voto. Agradecémolo desde o fondo dos nosos corazóns. 

— Que podemos esperar de Tanxugueiras no futuro?

Encantaríanos que Tanxugueiras seguise a medrar, mais tampouco nos marcamos ningunha meta a ese respecto, simplemente queremos afianzar todo o que se conseguiu no Benidorm Fest. Queremos, unha vez que pase o tempo, poder mirar con perspectiva todo o que se logrou. Actualmente, seguimos a traballar moi duro para preparar os directos deste ano, que van ser moi diferentes aos que viñamos facendo até o de agora, e tamén estamos finalizando o disco, que sairá máis cedo do que tarde. Nós sempre dicimos que hai cousas moi improbábeis mais non hai nada imposíbel e intentaremos gozar e aprender de cada paso que deamos.

Comentarios