"Cantan en otro idioma": RTVE descúlpase pola polémica do 'Benidorm Fest Stars' e afirma que se fixo "ás présas"

"En ningún caso pretenderon molestar ou faltar o respecto a ninguén e moito menos menosprezar a lingua galega, sen dúbida unha riqueza máis do noso país", sinala a Defensora da Audiencia en resposta a unha queixa.
Un momento da actuación das Tanxugueiras no programa especial do Benidorm Fest. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Un momento da actuación das Tanxugueiras no programa especial do Benidorm Fest. (Foto: Nós Diario)

Na noite do 6 de xaneiro a televisión pública estatal (TVE) quixo render homenaxe nunha gala especial ao Festival de Benidorm de 2022, no que as Tanxugueiras ficaron ás portas de lograr o billete a Eurovisión. O Benidorm Fest Stars, como se deu en chamar este evento, reuniu todas as artistas participantes na preselección para a competición continental do pasado ano, coa excepción de Rigoberta Bandini e Blanca Paloma.

Si estiveron, pois, a gañadora daquel certame, Chanel, que interpretou SloMo, e mais o trío de pandeireteiras, terceiras en 2022 após Bandini e a propia Chanel. Desta volta non cantaron o xa mítico Terra, senón un dos temas do seu novo traballo, Pano Corado, que como o resto do álbum está integramente en galego.

E esta cuestión volveu situar unha actuación súa en TVE no centro da polémica: namentres outras actuacións como a de Chanel, en inglés, foron lexendadas en pantalla, cando foi a quenda das Tanxugueiras mostrouse no canto dos subtítulos un grafismo no que se podía ler "Cantan en otro idioma".

A decisión da canle pública estatal de non subtitular Pano Corado como se fixera con outras cancións interpretadas nesta gala suscitou numerosas críticas nas redes sociais exixindo explicacións. Unha desas persoas foi Santi Vieito, que elevou unha queixa perante a Defensora da Audiencia de RTVE que agora vén de ser respondida, nun escrito —en lingua castelá— ao que tivo acceso Nós Diario.

Na resposta, este departamento do ente público constata, após consultar os responsábeis do subtitulado, que o servizo [Benidorm Fest Stars] foi realizado por unha empresa externa a RTVE, "con moita présa", dado que "este tipo de programas recíbense con moi pouca antelación á súa emisión".

Con todo, matizan, "é certo que deberían tratar de conseguir a letra do tema cantado por Tanxugueiras e subtitulala en galego, tal e como corresponde", polo que se desculpan coa audiencia da Galiza, xa que "en ningún caso pretenderon molestar ou faltar o respecto a ninguén e moito menos menosprezar a lingua galega, sen dúbida unha riqueza máis do noso país", precisou o equipo da Defensora.

Desde o departamento de subtitulado comprométense a "falar coa empresa subtituladora para evitar que esta situación poida repetirse". Porén, Santi Vieito cre que, "malia a boa fe de quen respondeu [á queixa]", é moi probábel que situacións como esta sigan a darse no panorama televisivo.

"Nin me satisfai nin me deixa de satisfacer a resposta [da Defensora da Audiencia]. É unha situación reiterada en moitos medios e xa nin nos sorprende, mais que aconteza na televisión pública estatal, que poñan simplemente que 'cantan noutro idioma'... É inconcebíbel", apunta, en conversa con este xornal.

Comentarios