Viaxe ao pasado histórico de Pontevedra

A Deputación de Pontevedra aproveita o material histórico que custodia o Servizo de Patrimonio Documental e Bibliográfico do Arquivo Provincial para alentar o turismo do futuro. Postais e fotografías históricas son escenarios virtuais de viaxes desde o pasado ao presente por vilas e bens de interese cultural.
Foto do Barrio do Berbés tomada por Otto Wunderlich en 1929 (Arquivo de Pontevedra).
photo_camera Foto do Barrio do Berbés tomada por Otto Wunderlich en 1929 (Arquivo de Pontevedra).

O Servizo de Patrimonio Documental e Bibliográfico do Arquivo Provincial de Pontevedra custodia material "moi valioso" para a difusión e dinamización do legado histórico de municipios turísticos e bens de interese cultural. Coleccións audiovisuais, postais, fotografías antigas e publicacións históricas que ao longo deste mes de xuño se están sumando á campaña Viaxe ao pasado, unha iniciativa da Deputación de Pontevedra en colaboración con Turismo Rías Baixas que busca sumar miradas curiosas a través das redes sociais ao patrimonio histórico e natural tanto das comarcas costeiras como do interior.

Viaxe ao pasado é unha iniciativa da Deputación de Pontevedra en colaboración con Turismo Rías Baixas que busca sumar miradas curiosas a través das redes sociais.

Mentres non se reestabelece a mobilidade e se reactivan as visitas turísticas, as viaxes son virtuais. Dunha banda, a través de rutas guiadas a monumentos e recunchos naturais que se poden seguir en directo as cuartas e sextas feiras a partir das 10 da mañá nas redes corporativas das entidades promotoras, mais tamén en diferido na súa canle de YouTube. O antigo santuario do monte do Facho, en Cangas, foi o espazo escollido para o lanzamento da campaña As Rías Baixas visítante.

Doutra banda, a través dunha escolma de imaxes antigas rescatadas dos fondos do Servizo de Patrimonio Documental e Bibliográfico do Arquivo Provincial. Unha oportunidade para redescubrir a historia e os segredos de espazos de interese cultural, monumentos, vilas termais e mariñeiras.

"A intención é aproveitar este inxente material para trasladarlle de forma moi gráfica á cidadanía que a provincia de Pontevedra é un destino turístico cunha longa traxectoria de excelencia e tradicións arraigadas que permanecen intactas para seren gozas hoxe en día", destacan as impulsoras da iniciativa.

Da Moureira ao Berbés

As coleccións que atesoura o Servizo de Patrimonio Documental do Pazo Provincial permiten redescubrir as orixes da vila termal de Mondariz e a transformación do Gran Hotel, por exemplo, a partir fotografías asinadas por Joaquím Pintos (1881-1967) ou de postais asinadas, entre outras pola imprenta Hauser y Menet, fundada a finais do século XIX.

O traballo do fotógrafo verinés Francisco Zagala (1842-1908) achéganos ao Castelo de Soutomaior, aos xardíns da fortaleza medieval e ao interior dos seus salóns, abertos de novo ao público desde primeiros de mes. No século XV foi a residencia familiar dos Soutomaior e de Pedro Madruga. A comezos do XX foino da escritora, activista social e pioneira do feminismo María Vinyals.

Pero a colección de imaxes de Zagala ofrecen outras posibilidades: paseos pola seca, polos soportais e as praias de Pontevedra, por antigos lavadoiros e as casas mariñeiras de Combarro. Unha das vilas visitadas tamén polo fotógrafo alemán Otto Wunderlich (1886-1975).

Coa súa cámara retratou as paisaxes de Oia, de Bueu, de Catoira, de Mondariz, de Cambados. O Pazo de Oca, a ría de Vigo, a da Arousa e o barrio mariñeiro da Moureira, á beira do río Lérez.  O seu traballo deixa espazo para un paseo virtual polas rúas estreitas do barrio pontevedrés, entre as típicas casas de pescadores, encaladas e cos tellados en outón, características do arrabalde desde o século XV, onde tamén deixaron a súa pegada redeiras, lavandeiras, pescantinas e descargadoras de sal.

Wunderlich fotografou rúas e casas, na ría de Aldán, no barrio cambadés de Triana, en Cambados, e en Tui.

Mais tamén por outras arquitecturas costeiras. Wunderlich fotografou rúas e casas, na ría de Aldán, no barrio cambadés de Triana, en Cambados, e en Tui. O balneario da Toxa, o castro de Santa Trega e a Ponte da Ramallosa, situada no tramo final do río Miñor, próximo á súa desembocadura, entre os concellos de Nigrán e Baiona.

O Servizo de Patrimonio Documental e Bibliográfico do arquivo de Pontevedra lévanos, ademais, ao pé de portos e areais, baleiros ou ateigados de mariscadoras e embarcacións. Neste espazo hai sitio para o barrio pesqueiro do Berbés, en Vigo, un enrevesado labirinto de estreitas rúas e costas empinadas, cheo de pequenas casas encaladas. Nunha imaxe de 1929 de Otto Wunderlich, vemos unhas barcas varadas na area e a continuación uns nenos xogando. O mar chegaba, formando unha praia, até os soportais, onde os pescadores gardaban e reparaban as súas barcas. No centro da imaxe, destaca a igrexa, e á esquerda, os edificios do paseo de Alfonso XII.

Unha guía das moitas que se poden escoller para outras tantas viaxes ao pasado.

Comentarios