venres 24/09/21

Viale Moutinho, premio especial aRitmar 2021 á Embaixada da amizade galego-lusófona

O xurado do certame aRi[t]mar decidiu outorgarlle a Jose Viale Moutinho o premio especial 2021 á Embaixada da amizade galego-lusófona. Destaca o seu papel como “como ponte entre Galiza e Portugal” e como “impulsor do continuo lingüístico e cultural que representa a lusofonía e como verdadeiro embaixador da Galiza en Portugal e de Portugal na Galiza”.

Viale Moutinho
Jose Viale Moutinho (Imaxe: cedida)

O xurado do certame aRi[t]mar da Escola Oficial de Idiomas de Santiago de Compostela, da que é director o profesor Gonzalo Constenla, decidiu conceder o Premio aRi[t]mar especial do xurado “Embaixada da amizade galego-lusófona” ao escritor madeirense residente no Porto José Viale Moutinho. Anunciouno, a través dun comunicado de prensa, nas vésperas do 25 de abril, cando se conmemora a Revolución dos Cravos.

Alén dos seus méritos como xornalista en medios como o Jornal de Notícias, o República ou o Diário de Notícias, José Viale Moutinho é narrador, poeta, dramaturgo e ensaísta, con obra traducida a varios idiomas, tamén ao galego. Está tamén moi ligado ao Festival da Poesía do Condado desde o seu inicio en 1981, organizado pola Sociedade Deportiva do Condado (SDC) con sede en Salvaterra do Miño.

Como director da Associacão Portuguesa de Escritores, da Associacão de Jornalistas e Homens de Letras do Porto e do Teatro Experimental do Porto posibilitou a visibilidade da literatura galega en Portugal, e a el se debe a presenza da escritora Xela Arias, de Mantecón e da directiva da SDC para presentar o Festival da Poesía no Condado ao mundo lusófono.

Pioneiro en divulgar a literatura galega contemporánea, nomeadamente a de Neira Vilas, Celso Emilio Ferreiro, Manuel María, Méndez Ferrín é o seu primeiro tradutor ao portugués. Tamén traduciu a Castelao e a Lamas Carvajal e é autor de Fouce erguida. Antologia de poesía galega de combate.

Viale Moutinho foi tamén investigador da represión franquista e dos campos de exterminio nazi, autor dunha biografía sobre Zeca Afonso e impulsor da Asociación que en Vigo leva o seu nome. Relacionada coa temática galega, escribiu o libro pioneiro Introdução ao nacionalismo galego.

Renunciou a ser académico de honra

O certame informa na nota de prensa que o premiado fora elixido académico de honra electo da Real Academia Galega, e que renunciou en solidariedade con Méndez Ferrín cando este deixou a presidencia.

En anteriores edicións do certame, resultaron galardoados con este premio o músico galego Fran Pérez Narf, as Convergências Portugal Galiza organizadas polo grupo bracarense Canto D’aquí, a cantora galega Uxía e a ex diretora da Comunidade de Países de Língua Portuguesa e ex ministra de Comercio e Turismo de Cabo Verde, Georgina Benrós de Mello.

Na gala aRi[t]mar 2021, que decorrerá último trimestre deste ano, recibirán os seus premios a música galega Guadi Galego, seleccionada como intérprete do mellor tema musical en galego de 2020, “Despedida”, e Cláudia Pascoal, cantora da mellor música portuguesa do ano, “Quase Dança”, xunto coas persoas gañadoras do certame de poesía e do propio José Viale Moutinho.

A organización informa de que permanece aberto o prazo para as votacións do certame de poesía. As persoas que queiran participar poden emitir o seu voto, até ao 20 de maio, por tres poemas da Galiza e tres de Portugal na web do proxecto aRi[t]mar.

comentarios