O certame aRi[t]mar selecciona os poemas galegos e lusos finalistas

O certame aRi[t]mar escolle as vinte finalistas galegas e portuguesas de poesía. O público poderá votar ás gañadoras até o 10 de maio.
Ana Romaní é unha das autoras seleccionadas na mostra.
photo_camera Ana Romaní é unha das finalistas galegas.

O certame aRi[t]mar acaba de escoller as poesías galegas e portuguesas finalistas e abre o prazo para que o público poida votar polas gañadoras. 

As finalistas galegas son Ana Romaní co poema "Protocolo"; Arancha Nogueira, con "#love"; Carlos Lorenzo e Baldo Ramos, "Chamamento okupa"; Iria Pinheiro e María Lado, co poema "Agora non se agarda nada"; Eduardo Estévez, "Santa Lucía"; Lucía Cernadas, "Decidín"; María Lado, "Odias a poesía e fas ben"; Rosa Enríquez, "A metáfora de tan fina"; Rosalía Fernández Rial, "A reflexión" e Francisco Fernández Naval co poema "Dixeches". 

Pola outra banda, as candidatas portuguesas son Álamo Oliveira, co poema "Ninguém sabe o malefício dos anos"; Alexandra Santos, "As letras do teu nome"; Hélia Correia, "Almofada de andorinhas"; João Pedro, "Memórias"; Jorge C. Ferreira, "Quem ordena este pandemónio?"; Jorge Sousa Braga, "Poema recuperado do caixote do lixo"; Márcia, "O verão sabe-se bem"; Raquel Serejo Martins, "A casa velha como uma velha"; Rosa Oliveira, "Valencià" e Samuel F. Pimenta co poema "Foz". 

As persoas que queiran votar poderán facelo na páxina web do certame até o día 10 de maio, que como recompensa terán a posibilidade de entrar nun sorteo dun lote de libros e discos. 

En edicións anteriores, as poetas gañadoras foron as galegas María do Cebreiro, Paco Souto, Lois Pérez, Susana Aríns e Carlos da Aira. Do outro lado, José Ricardo Nunes, Pedro Craveiro, Alexandre Brea, Marta Chaves e Raquel Lima foron as gañadoras portuguesas nos pasados anos. 

Mellores cancións galegas e portuguesas de 2020


O certame de poetas realízase tras a escolla das mellores cancións galegas e portuguesas de 2020 onde "Cólico", de Guadi Galego, e "Quase Dança", de Cláudia Pascoal, foron escollidas gañadoras do certame. As segundas máis votadas  foron a galega Xoana pola súa canción "Anceiros" e a lusa Bárbara Rinoco con "Outras Línguas". Os D'Abaixo e Miguel Araújo resultaron os terceiros artistas máis votados. 

Durante o outono a organización realizará unha gala de entrega de premios, que decorrerá en Santiago de Compostela. 
O certame aRi[t]mar é un proxecto didáctico e cultural da Escola Oficial de Idiomas de Santiago de Compostela que ten como obxectivo divulgar a música e a poesía galego-portuguesas actuais, así como tamén achegar a cultura e a lingua dos dous países. 
 

Comentarios