Caderno de Verán

O verán de.... Guadi Galego: "Gozarei de todo o bo que temos no país"

Entrevistamos a cantante en 'máis', Caderno de Verán
A cantante e compositora
Guadi Galego. (Foto: Carlos Abal).
photo_camera A cantante e compositora Guadi Galego. (Foto: Carlos Abal).

Unha cantautora da súa importancia pode coller vacacións?

Espero que non! Hai que aproveitar o verán para traballar o que non se puido durante o inverno. A Covid-19 cambiou moitas cousas pero parece que xa imos recuperando. Agora todo está máis pautado, o que proporciona unha gran tranquilidade; estamos vendo como realizar os concertos da mellor maneira posíbel para desfrutar deles ao máximo.

Aínda que teña moito traballo, algún momento libre si poderá sacar. Que actividades lle gusta realizar cando ten tempo?

Gústame estar coa miña familia e coas miñas amigas. Todos os anos paso un mes en Cedeira e alí adoito ir á praia, pasear, tomar un viño, ler e estar tranquila. Este verán non penso acender ningunha pantalla!

Conta con facer algunha viaxe este verán?

Non, este verán pasareino aquí traballando. Quizais faga algunha escapada polo país pero non unha viaxe grande. O intraturismo é marabilloso; permítenos decatarnos da gran cantidade de lugares incríbeis que non coñecemos ou que hai anos que non visitamos. Desde longo, eu desfrutarei de todas as cousas boas que temos no país.

Ademais de Cedeira, ten un lugar especial ao que lle gusta ir durante as vacacións?

Vou moito á zona de Barrante, de Cambados e do Grove, e taméa me gusta moito ir á Illa de Arousa, eu son moi de mar. Non adoito visitar o interior da Galiza durante o verán pero coido que o turismo enfocado á montaña e ao río pode ser unha moi boa opción.

Que grupos musicais recomendaría escoitar estas vacacións de verán?

Recomendo ir ver todos os grupos galegos posíbeis e consumir moita música do país. Existe unha gran variedade de música galega, de diferentes xéneros para diferentes gustos. Oxalá que moitos compañeiros e compañeiras estean actuando e poidamos gozar da súa música en todas as súas facetas. O impedimento de ir a macrofestivais pode ser algo positivo. A xente debería desfrutar máis da cultura que ten máis preto, quizais temos un grupo marabilloso na nosa mesma vila e nin o sabemos!

Comentarios