Máis

Verán de aventura no Eume

O río é o espazo ideal para navegar en piragua.
Verán de aventura
photo_camera As piraguas son un reclamo para os amantes dos deportes acuáticos que recorren aos ríos como alternativa á costa.

As fragas do Eume é un dos bosques atlánticos mellor conservados de Europa. Este ecosistema segue o curso do río Eume até a súa desembocadura en Pontedeume. Esta paisaxe é un escenario idílico que invita as persoas máis aventureiras a navegar as súas augas en canoa. Ao longo do río pódense ver algunhas das especies máis comúns nese gran parque natural.  

Dentro do rexistro de especies animais, que estuda e clasifica a fauna da zona, figuran un total de 103 especies de aves, 41 de mamíferos e oito de peixes. Tamén hai algúns invertebrados.

Nestas augas celébrase cada ano o descenso do Eume, unha competición oficial con máis de medio século de historia. A proba foi unha iniciativa que naceu en 1967 da man da Federación Coruñesa de Piragüismo e da comisión de festas da vila de Pontedeume. Na primeira edición participaron un total de 19 embarcacións pertencentes a seis clubs galegos.

Desde 1973 o Club Náutico Firrete, unha recoñecida escola de piragüismo, conseguiu grandes éxitos deportivos na disciplina das piraguas. Hoxe o club é un símbolo de traballo e de entrega ao deporte. É unha canteira de promesas do piragüismo galego.

A travesía polo río Eume é un atractivo tanto para persoas adultas como para as crianzas. Nas marxes do río  existe unha gran biodiversidade. No bosque conviven diferentes especies de árbores como os albedros, os castiñeiros, os amieiros, os olmos e os bidueiros.

Para garantir a seguridade das persoas que vaian realizar a actividade é recomendábel contratar o servizo de empresas especializadas. Esas entidades ofrecen os equipos necesarios.

Comentarios