Dirixe o Festival Internacional Galicreques nesta 25ª edición

Jorge Rey: "Sempre tivemos claro que había que achegar os títeres aos barrios, ao rural e á periferia"

Desde o día 10 e até ao 18 de outubro, o concello de Compostela acolle un ano máis o Festival Internacional Galicreques. E esta non será unha edición máis, pois neste 2020 celébranse 25 anos de vida do evento, que se festexarán coa maior normalidade posíbel e respectando escrupulosamente os protocolos sanitarios fronte á Covid-19.
_MG_4268
photo_camera Jorge Rey durante unha actuación. / Nós Diario

Como vai ser esta edición tan especial do Galicreques?
Por cumprirmos os 25 anos iamos facer unha festa e un reencontro con moitos grupos que participaron durante este tempo. Ante a situación que estamos a vivir, vímonos na obriga de modificar un pouco o que queriamos organizar pero mantemos, na medida do posíbel, unha presenza importante de compañías de fóra. Dúas son de Portugal e unha é do Brasil, que por sorte xa estaba na Península cando empezou todo isto, outra compañía vén de Bélxica, e tamén estaba por aquí... E logo hai unha nutrida participación de formacións galegas. Temos catro estreas, moi diferentes entre si tanto na estética como na técnica... Unha é portuguesa, da compañía Krisálida, Plástikus; a mexicana Vitor Biau trae O home que plantaba árbores, baseada na historia dun francés que logo da II Guerra Mundial creou un bosque nun lugar no que case non había nada. E hai outras dúas estreas galegas, Miragres, do grupo homónimo, que combina música, romanceiro e monicreques; e estará tamén Moving Compass con Gaia Baba, un grupo de xente nova que reúne na súa proposta teatro físico, con máscara, con monicreques...

En que lugares se vai desenvolver o festival?
Mantemos a programación nos centros sociais, porque tivemos claro sempre que había que ir aos barrios e ao rural. Agora traballaremos máis sobre os centros máis grandes por mor das limitacións da capacidade dos auditorios. No Teatro Principal entrarán 60 persoas, na carpa da Alameda arredor de 30... Pero non queriamos deixar de facer o festival, así que manteremos as medidas de seguridade precisas e  levaremos espectáculos a Santa Marta, a Vite, a Fontiñas, ao Castiñeiriño, a Conxo... Tamén estaremos nas prazas do casco antigo e no Ensanche iremos á praza Roxa. Teremos horarios de mañá e tarde e tamén un obradoiro de manipulación de monicreques a partir de obxectos, impartido pola titiriteira e actriz Alba Grande. 

Con que outras actividades conmemorarán os 25 anos?
Tentamos manter todas as medidas sanitarias e por iso reducimos ao máximo os contactos, para poder ofrecer todas as garantías ás persoas que participan nos espectáculos e ao público. Imos facer un documento virtual, con xente que participou no festival. Realizaremos a entrega do premio Galicreques 2020, no Teatro Principal e tamén unha programación escolar gratuíta e en liña, ben en directo ou ben gravada, todos os días ás 12 horas, para que poidan ver os espectáculos desde a propia aula.

Como valoran estes 25 anos de historia?  

Tivemos unha actividade moi importante no teatro de monicreques ao comezo da década de 1980. Naqueles anos, empezamos a facer encontros de profesionais do teatro de títeres e logo un festival internacional, que se facía en Vigo. En Compostela, desenvolvemos o proxecto da Sala Iago e, en 1996, tamén quixemos arrancar este festival, co obxectivo de traer cousas interesantes do exterior e tamén facer que a xente de fóra vise o que se estaba a facer aquí no eido dos monicreques. Nestes 25 anos quedaron cousas no camiño, a sala Iago é un recordo á espera dunha decisión firme, social e política, que a reivindique... Para nós o importante é ver que crianzas que foron espectadoras, este ano, van participar cos seus espectáculos, e iso é unha marabilla. Desde a Asociación Cultural Barriga Verde cremos que imos nun bo camiño, pero todo pasa porque este ano saia todo ben, e niso traballamos, porque que poidamos desenvolver o festival é importante para a cidade. 

Comentarios