O filme '+ Cuñados' enche de humor desde hoxe os cinemas da Galiza

A longametraxe, secuela da exitosa ‘Cuñados’ (2021), protagonizada por Xosé A. Touriñán, Miguel de Lira e Federico Pérez Rey, estréase en 45 salas en todo o Estado

Miguel de Lira,  Xosé A. Touriñán e Federico Pérez Rey no filme.
photo_camera Miguel de Lira, Xosé A. Touriñán e Federico Pérez Rey no filme.

Despois da súa preestrea onte na Coruña, + Cuñados, a comedia galega que protagonizan Xosé A. Touriñán, Miguel de Lira e Federico Pérez Rey, estréase hoxe nos cinemas da Galiza e en varias cidades do Estado, cun total de 45 copias.

Trátase da maior estrea comercial dun filme na Galiza na historia recente, pois chega simultaneamente a 34 salas, practicamente todas as que hai no territorio galego.

+ Cuñados busca repetir o éxito da primeira entrega, Cuñados (2021), que se converteu nunha das películas galegas máis vistas do ano. Nesta nova entrega, os cuñados vense envoltos nun novo e máis criminal enredo, esta vez co Entroido Ourensán como pano de fondo.

O filme, rodado en galego, contará de novo con algunhas das caras máis recoñecidas e queridas do noso panorama audiovisual: Xosé A. Touriñán, Miguel de Lira, Federico Pérez Rey, Eva Fernández, María Vázquez, Iolanda Muíños e Mela Casal. A eles súmanse, entre outros, os actores David Perdomo, Ivo Bastos, Ana Saltão ou Nuno Sá. A dirección desta secuela corre a cargo de Luís Avilés Baquero.     

 

Sinopse

Esta nova aventura dos cuñados arranca coa aparición dun cadáver xusto no medio da ponte internacional de Tui. Este feito vén do sucedido uns días antes… Chega o Entroido e a familia Ribeiro prepárase para gozar das festas favoritas de todo bo ourensán. Pasaron dous anos da detención de Alicia Zamora e o seu socio portugués. Os cuñados montaron un posto de polbo en Ourense, a forma perfecta de branquear o diñeiro do botín que lles caeu do ceo (literalmente). Entre unha cousa e outra, Modesto converteuse nun cuñado máis da familia. A aparición en Ourense de Andreia Nunes (a parella do portugués detido) buscando vinganza, complicaralles as cousas aos cuñados, meténdoos nun novo enredo que converterá este Entroido nun auténtico baile de máscaras.

Comentarios