O elenco do filme '+Cuñados' promete "máis gargalladas"

Touriñán, Pérez e Muíños levaron a secuela a Compostela
Touriñán, Muíños e Pérez, esta sexta feira, en Compostela. (Foto: Europa Press)
photo_camera Touriñán, Muíños e Pérez, esta sexta feira, en Compostela. (Foto: Europa Press)

Os actores de +Cuñados Xosé A. Touriñán, Federico Pérez Rey e Iolanda Muíños revelaron que esta segunda parte "sacará máis risas" e que hai escenas nas que os diálogos "non se escoitan" polas gargalladas. 

Así o avanzaron esta sexta feira nun encontro cos medios de comunicación en Compostela onde incidiron en que cren que, a nivel de audiencia, esta parte "vai ir mellor". "Debería ir mellor", asegurou Touriñán. 

+Cuñados é a continuidade da comedia estreada en 2021 e sitúa a familia Ribeiro dous anos despois do primeiro filme, comezando co achado dun cadáver na ponte que une Tui (Baixo Miño) con Portugal. Os cuñados teñen un posto de polbo en Ourense para branquear o diñeiro que conseguiron na primeira película e prepáranse para o Entroido. 

A película estrearase o 19 de abril, pero o Teatro Principal da cidade das Burgas xa acolleu na cuarta feira unha preestrea. Onte, os actores e a actriz, preguntados pola prensa sobre como foi esa volta á pantalla despois de tanto tempo, apuntaron que "xa o botaban en falta", que o colleron con "moitas ganas" e que atoparon "unha familia de verdade". 

"Para volver xuntarnos eu non tiven que pensar nada, tentamos tamén nun primeiro momento que volvese estar todo o elenco. Máis ou menos estamos todos outra vez, entón foi un pracer", apuntou o actor Xosé A. Touriñán. Por todo iso, mostráronse con ganas de iniciar unha terceira parte e mesmo chancearon con que debería de ser unha serie. "Estamos a esperar que nos chamen para a terceira", ironizaron.

"Comedia universal"

Fica claro que o humor é o verdadeiro protagonista desta segunda parte de Cuñados. De feito, Touriñán, Pérez e Muíños coincidiron onte en afirmar que "o humor deste filme enténdese en todas partes". "É unha comedia universal". 

Comentarios