Tui homenaxea Francisco Sánchez 'O Escéptico': que sabemos do filósofo?

Francisco Sánchez foi un auténtico prototipo do home do Renacemento que deixou unha obra predecesora da revolución filosófica dos séculos XVII e XVIII.
Retrato de Francisco Sánchez.
photo_camera Retrato de Francisco Sánchez.

O Teatro Municipal de Tui acolle esta terza feira a xornada Francisco Sánchez no IV centenario da súa morte, unha cita organizada polo Consello da Cultura Galega e o Concello de Tui co obxectivo de visibilizar e dar a coñecer a figura de Francisco Sánchez, auténtico prototipo do home do Renacemento que deixou unha obra predecesora da revolución filosófica dos séculos XVII e XVIII. 

A xornada comezará cunha intervención a cargo de Rafael Sánchez Bargiela, que se centrará na biografía da figura homenaxeada. Logo, Suso Vila abordará a ascendencia xudía de Francisco Sánchez e afondará no Tui da época e nas relacións con Portugal. Sobre o perfil médico de Sánchez falará Gonzalo Gómez García, profesor da Universidad Francisco de Vitoria, e concluirá Idalina Maia Sidoncha, profesora da Universidade da Beira Interior (Covilhã), cunha intervención sobre o pensamento filosófico de Sánchez. 

A xornada fechará cun concerto no Teatro Municipal, a cargo do coro de cámara Vox Stellae, titulado A propósito de Francisco Sánchez "o escéptico", que percorre a súa vida. 

Que nada se sabe

Francisco Sánchez, coñecido como o Escéptico ou o Tudense, tivo un espírito polifacético que o levou a interesarse tamén pola astronomía e a matemática. Este observador infatigábel da natureza escribiu a obra Quod nihil scitur (Que nada se sabe), unha referencia fundamental do pensamento filosófico europeo de finais do século XVI. 

Ademais, o día 16, coincidindo coa data exacta do falecemento de Francisco Sánchez, terá lugar a inauguración dun monólito e a presentación da tradución ao galego da súa obra Quod nihil scitur realizada polo profesor Laureano Alonso, con ilustracións de Andrés Lamas e editada polo Concello de Tui.  

Comentarios