Camiño do 'BIC'

A triste sorte dos murais coruñeses de Lugrís: "Todas as demoras levaron á situación na que estamos agora"

Tras anos de advertencias por parte do tecido social da Coruña, a Xunta de Galiza e o Concello anunciaron esta cuarta feira a súa intención de declarar BIC uns murais de Urbano Lugrís xa moi deteriorados situados en inmóbeis que acolleron negocios de hostalaría.
Reconstrución de un dos murais de Urbano Lugrís. Non existen fotos coñecidas do estado no que se atopan agora.
photo_camera Reconstrución de un dos murais de Urbano Lugrís. Non existen fotos coñecidas do estado no que se atopan agora.

A inclinación á bohemia de Urbano Lugrís deixou como legado varios murais que adornaron as paredes de bares e restaurantes nos que pasou moitas horas da súa vida. Mais as obras de arte tenden a ser máis lonxevos que os locais de hostalería, e iso provoca graves problemas de conservación do patrimonio. Algunhas das obras de Lugrís xa se perderon irremediabelmente. E entre as que aínda permanecen, un conxunto de murais situado nun local da rúa Olmos da Coruña saltou estes días á actualidade por ser un caso no que a inacción das administracións públicas levou a unha situación de deterioración anunciada.

Os murais en cuestión adornaban as paredes dun estabelecemento desaparecido despois da pandemia. O local —que no seu día albergou o primeiro restaurante con carta e no que Lugrís se reunía con distintas persoas— quedou abandonado, vítima de humidades e cunhas fiestras semiderruídas que deixaban pasar a chuvia e o vento. En abril de 2023, a empresa propietaria do inmóbel entrou en concurso de acredores, o que deu paso á posibilidade de que os murais puidesen ser adquiridos de forma separada.

As alarmas sobre o estado de conservación deste conxunto de obras xa soaran en 2017, cando un equipo de técnicos ditaminaran que os murais non estaban nun estado ideal, como resultado da exposición aos fumes propios do restaurante. A preocupación aumentou cando, a finais de 2022, comezou a caer cascallo da fachada pola deterioración do edificio. En maio de 2023, unha nova visita dos técnicos ditaminou que o estado das pinturas era malo, máis que aínda eran recuperábeis.

"Valor artístico sen acreditar"

Malia que diversos colectivos culturais —nomeadamente a Asociación Cultural O Mural e o colectivo In Nave Civitas— reclamaron con insistencia, durante os últimos anos a declaración de Ben de Interese Cultural (BIC) para o conxunto, non foi até esta cuarta feira, 28 de febreiro, que o Concello da Coruña e a Xunta da Galiza anunciaron que impulsaban conxuntamente a declaración como Ben de Interese Cultural para os murais de Lugrís.

Precisamente, o BNG  lembraba a través da parlamentaria Mercedes Queixas, que o PP sempre se opuxo no Parlamento a que os murais fosen declarados BIC. "Rectifican agora, in extremis, ante o risco de que caian en mans privadas a prezo de saldo", declaraba Queixas. Despois de meses nos que este expediente estivo pendente -segundo a Consellaría de Cultura- de documentación que debía remitir o Goberno local, as dúas entidades recoñeceron que estes informes están xa en mans da Administración autonómica.

A Dirección Xeral de Patrimonio Cultural está a revisar agora a documentación co obxectivo de realizar a incoación do expediente de declaración como BIC. Desde o momento en que a incoación se publique no Diario Oficial da Galiza, as obras pasarán a contar de maneira preventiva coa máxima protección legal, que obriga a comunicar á Xunta a súa exportación e lle dá dereito a adquirilas, en caso de venda, nas mesmas condicións ofertadas de prezo e forma de pago (o chamado dereito de tanteo).

No entanto, diferentes medios deron a coñecer a contía das diversas ofertas realizadas polos murais mediante o procedemento concursal. Redondela Investments S.L., empresa que quere adquirir os edificios nos que están as obras, ofreceu 30.000 euros. A seguir, a Xunta elevou a suma a 35.000. Dúas ofertas máis, unha dun particular e outra procedente da Galería Montenegro de Vigo até 36.000 e 40.000 euros respectivamente.

Inacción das institucións

"O que nos parece moi triste é que teña que aparecer unha oferta dun particular, para que a Xunta se interese por uns murais de tanto valor para o patrimonio galego", declara a Nós Diario Ana Badía, da Asociación O Mural. "Levamos desde 2021 denunciando esta situación e o máis rechamante é que temos un proceso aberto contra a Xunta por non contestar en tempo ao requirimento que fixemos no seu día para que se declarase BIC este conxunto de murais. E na súa resposta, a Xunta alega que non quedou acreditado o valor artístico destas obras".

Rodrigo Osorio, do colectivo In Nave Civitas, tamén mostra o seu escepticismo. "A primeira idea que se nos ocorre é que é unha ledicia que a Xunta e o Concello da Coruña se unan a este proxecto de protexer os murais", explica en conversa con Nós Diario. "Mais unha vez dito isto, hai que lembrar que en abril de 2023 o Concello emitiu unha nota que dicía o mesmo e nestes nove meses non fixo nada".

Osorio, ademais, lembra que a actitude da Xunta cando se declarou BIC o mural de Lugrís situado no restaurante Fornos, na rúa Real, foi a mesma. Daquela, a Xunta tampouco respondeu á reclamación para que incoase o expediente para declarar BIC aquela obra, e a asociación O Mural tivo que acudir ao Tribunal Superior de Xustiza de Galiza, que condenou a Xunta e forzou a declaración.

"O que está a facer agora a Xunta é unha trampa no proceso concursal. En realidade, o que está reclamando é o dereito de tanteo, ao ver que o último día se presentaron ofertas mellores que a súa", declara Osorio. "Non parece unha estratexia moi intelixente facer pública unha oferta cando o concurso permanece aberto. E menos se esa oferta é de 35.000 euros por uns murais que están valorados en 250.000".

"Todas estas demoras levaron á situación na que estamos agora", apunta Badía. "O informe que fixo a arquitecta en maio de 2023 xa fala duns murais moi danados, dos cales dous talvez poidan ser debidamente restaurados. Nese informe mesmo revela que a auga está entrando directamente nunha das obras. E cómpre lembrar que malia todas os avisos e as alarmas que demos, non se tomou medida ningunha para protexelos das inclemencias do tempo, que na Coruña, en inverno, non son precisamente lixeiras. É moi triste ver como chegamos a este punto por non tomar unhas precaucións mínimas".

Arte e mercado inmobiliario

Mais aínda hai outra cuestión que preocupa aos dirixentes destes colectivos que levan anos defendendo a obra que Lugrís foi deixando polas paredes coruñesas: a da localización dos murais unha vez declarados BIC. "Preguntámonos como vai facer a Xunta para cumprir coa lei", interrógase Badía. "Segundo a Lei de Patrimonio da Galiza, eses murais son bens inmóbeis, é dicir, non se poden cambiar de lugar. Esas son tamén as recomendacións da Unesco. Pero se declara BIC só os murais e non o edificio, non pode asegurar a correcta conservación das obras".

Por suposto, a pregunta é retórica. Badía sabe perfectamente que a Xunta fixo pública a súa intención de retirar os murais para restauralos e exhibilos no Museo de Belas Artes da cidade, pero insiste en que "seguiremos insistindo en que se cumpra a lei e que os murais permanezan no edificio para o que foron realizados polo artista".

"A respecto desta cuestión, o que si sabemos é que quen está poxando polo edificio é unha inmobiliaria que, probabelmente, ten a intención de construír pisos turísticos", engade Rodrigo Osorio. "E un BIC aí estorba, porque hai que mantelo, custodialo e poñelo á disposición do público polo menos uns días ao mes. Se levan os murais a outro sitio, ese impedimento desaparece. O que tería que facer a Xunta é declarar BIC non só os murais, senón tamén o baixo e o entresollado do edificio onde están situados. Pero, claro, iso rebaixaría o valor inmobiliario do edificio".

Mentres tanto, as xestións administrativas continúan o seu curso sen ningunha transparencia. "Contra o que decreta a Lei de Patrimonio, o Concello non nos permite acceder ao expediente, e polo tanto non podemos saber se o que nos din sobre o estado dos murais é certo ou non", quéixase Ana Badía. "Levamos desde o 8 de agosto solicitando ese acceso e continúan denegándonolo. Non sabemos que é o que se lle quere ocultar á cidadanía para manter ese hermetismo no proceso".

"Se hai que mover os murais que os leven a Vigo"

Ana Badía e Rodrigo Osorio concordan en que a incoación do expediente para a declaración de BIC dos murais de Lugrís chega tarde e con pouca capacidade para resolver a deterioración que os afectou nos últimos anos. "Non chega tarde, chega tardísimo. É incomprensíbel que non se fixese nada até o de agora. E as motivacións que levan a Xunta e o Concello da Coruña a esta viraxe na súa postura non quedan nada claras", di Badía.

Osorio, ademais de lembrar que "sempre fomos tratados polas autoridades da Coruña cunha hostilidade que creo que non mereciamos, só por defender o patrimonio artístico", menciona o que se está a converter nun ruxeruxe por toda a cidade. "Levamos anos reclamándolle ao Concello da Coruña que se lle devolvan ás obras de Lugrís a dignidade que merecen, pero o Concello só reacciona con prontitude ao día seguinte de que se publique a noticia de que foi unha galería de Vigo a que fixo a poxa máis elevada. Creo que se trata dunha actitude completamente pailaroca que non ten defensa nesta altura".

Osorio vai máis alá e afirma con rotundidade que "A primeira opción, a que marca a lei e a máis coherente, é que os murais permanezan no lugar para o que foron pintados. Pero se isto non é posíbel e hai que cambialos de sitio, onde mellor estarían é en Vigo". E continúa: "Lugrís foi morrer a Vigo, entre os seus. E o Concello de Vigo foi o único que se preocupou do seu benestar comprándolle obra e exhibíndoa no Museo de Castrelos. E hai que lembrar que cando se derrubou o Gran Hotel, o Concello non dubidou nin un instante en recuperar os seus frescos e musealizalos. Se hai que mover os da rúa Olmos que os leven a Vigo".

Comentarios