Xunta e Concello da Coruña impulsan a declaración BIC dos murais de Lugrís

Presentáronse catro ofertas para adquirir o conxunto pictórico do artista coruñés. Unha delas é a da Xunta, por 35.000 euros; outra dunha galería de arte de Vigo, por 40.100; unha terceira dun particular, por 36.000, e unha cuarta, da empresa interesada en adquirir os edificios, cunha proposta económica de 30.000 euros.
Reconstrución de un dos murais de Urbano Lugrís. Non existen fotos coñecidas do estado no que se atopan agora.
photo_camera Un dos murais de Urbano Lugrís na Coruña.

A Xunta da Galiza e o Concello da Coruña impulsan a declaración como Ben de Interese Cultural (BIC) dos murais de Urbano Lugrís situados na rúa dos Olmos da cidade herculina, propiedade dunha empresa en concurso de acredores. Segundo informaron ambas as institucións esta cuarta feira, a Consellaría de Cultura prepara xa a incoación do expediente para declarar BIC as pinturas, unha serie de murais situados nun baixo comercial.

Faino tras recibir os informes realizados polo consistorio para levalo a cabo despois de que na terza feira transcendese que hai catro ofertas presentadas para a adquisición dos mesmos, unha delas da Xunta. Representantes da Consellaría e mais do Concello estiveron en contacto nas últimas horas para traballar neste asunto, "coincidindo ambas as dúas na súa relevancia e interese para A Coruña e para Galiza", remarcan.

Ademais, precisan que, "co obxectivo de impulsar a devandita declaración", a Consellaría púxose en contacto co consistorio "para solicitar a documentación dispoñíbel, avaliar a declaración e avanzar na mesma", co ofrecemento de "máxima colaboración" por parte do Goberno local para a conservación dos murais. Agora, o persoal técnico da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural está a analizar a documentación remitida polo Concello, que unirán á que xa ten o propio Goberno galego "co fin de proceder a incoar a declaración BIC deste conxunto pictórico do artista coruñés".

"Desta maneira búscase dar a máxima protección patrimonial a estas obras, baseándose no seu valor artístico e orixinalidade e tendo en conta, ademais, o interese común por manter as obras na cidade da Coruña, a importancia de que non se disgreguen e que se manteñan xuntas no futuro, así como a posibilidade de que sigan sendo públicas" para o acceso ao mesmo da cidadanía.

Procedemento xudicial

A declaración BIC afecta os murais situados nos inmóbeis número 25 e 27 da rúa Olmos, cuxa propietaria está en concurso de acredores, polo que o xulgado puxo agora en coñecemento da administradora concursal as ofertas para a súa compra. Unha delas é a da Xunta, por 35.000 euros; outra dunha galería de arte de Vigo, por 40.100; unha terceira dun particular, por 36.000, e unha cuarta, da empresa interesada en adquirir os edificios, cunha proposta económica de 30.000 euros.

Tras emitir un informe o administrador concursal, o Xulgado do Mercantil número 3 será o que tome a decisión valorando, "ademais do económmico, outros aspectos", segundo precisaron fontes do Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG).

Comentarios