Unha mobilización reclama na Coruña que Concello e Xunta "rescaten e protexan" os murais de Urbano Lugrís

Na tarde desta quinta feira tivo lugar na Coruña unha concentración convocada polo colectivo In Nave Civitas, reclamando a intervención do Concello da Coruña e da Xunta de Galiza para asegurar a conservación do conxunto muralístico pintado por Urbano Lugrís na rúa Olmos.
A concentración decorreu na rúa Olmos da Coruña. (Foto: Nós Diario)
photo_camera A concentración decorreu na rúa Olmos da Coruña. (Foto: Pilar Silva)

O colectivo literario In Nave Civitas Lugrís mobilizouse na tarde desta quinta feira na rúa Olmos para reclamar a intervención "inmediata" do Concello da Coruña e da Xunta de Galiza para que aseguren a "protección e rescate" dos frescos que pintou Urbano Lugrís. no edificio do número 25, unha reclamación que levan efectuando desde o ano 2017. 

A asociación denuncia que o concello non adoptou "ningunha medida efectiva" para evitar o empeoramento do estado dos frescos das paredes do antigo restaurante Fornos, e indica que os murais do artista se atopan fechados ao público e "en grave risco de deterioración", no inmóbel.

Sobre a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural, a entidade critica que "nin sequera se puido iniciar" o expediente para a declaración como Ben de Interese Cultural (BIC) dos 12 murais do artista. 

In Nave Civitas fixera un chamamento a toda cidadanía para participar na concentración ataviada con "camisas a raias". No acto foron coreadas consignas como 'Mágoa que Lugrís non fose de París' ou 'Nin cubismo nin surrealismo, o mellor é o lugrismo'. 

O conxunto de frescos da rúa Olmos é, segundo In Nave Civitas, o conxunto muralístico máis importante de Urbano Lugrís e, por esa razón, consideran que debe ser declarado BIC. O colectivo urxe a intervir canto antes para evitar que se destrúan as obras.

Perigo de que os murais se deterioren sen remedio

Segundo declaraba a Nós Diario o pasado xaneiro a avogada Ana Badía, da Asociación Cultural O Mural, "os murais atópanse no interior dun local que foi o primeiro restaurante da Coruña con carta e no que Lugrís se reunía con diferentes persoas. Cando o local fechou, pensamos que a situación ía ir a peor, porque a humidade é bastante importante e el pintaba con materiais bastante simples, co cal a conservación sempre é difícil". 

Ademais, "os pisos superiores do edificio permanecían coas ventás abertas, permitindo que entrase a chuvia e o vento". O da rúa Olmos constitúe  un conxunto muralístico único na Galiza e, precisamente pola estreita relación mantida polo autor co lugar, os colectivos que loitan pola salvagarda do conxunto quere mantelo no seu lugar orixinal.  

Comentarios