Trinta anos sen Avilés de Taramancos

Cúmprese o trixésimo aniversario dun poeta que logrou entrar no canon lírico galego desde as marxes. 
Antón Avilés de Taramancos.
photo_camera Antón Avilés de Taramancos.

Foi o poeta que desde as súas orixes labregas e mariñeiras soubo construír torres no ar; o que logrou confundir a emigración e a aventura percorrendo as selvas da Amazonía, as terras de Popaián e Tuluá, o val de Cali; o que regresou na busca dunha primavera en Noia –“é primavera en Noia e ando lonxe”; o que fuxiu finalmente a un Harar que, se cadra, ten por mellor nome Taramancos. Antón Avilés engadiulle o lugar de nacemento ao seu nome como un trobador medieval, como un taberneiro de calquera porto atlántico, e de aí naceu o poeta. 

Antón Avilés de Taramancos, de cuxo pasamento se compren agora trinta anos, medrou á sombra xigantesca dunha avoa, Pepa de Pastora, que o marcou como labrego. E á sombra, non menos titánica, dunha ausencia, a dun pai mariñeiro do que chegaban cartas con carimbo de dársenas remotas. Na Coruña, onde foi estudar náutica, atopou outro pai en Urbano Lugrís, “era unha universidade andante”, que o iniciou en autores, en ideas e na bohemia xenerosa que o pintor practicaba. Alí coñece tamén a Xohan Casal e Reimundo Patiño, cos que se xuramenta na defensa da patria e do idioma. É un tempo de faladoiros na casa de Uxío Carré Alvarellos, de encontros con Manuel María, con Novoneyra, cos pintores Abelenda e González Pascual e con tantos outros. Tamén de control franquista, de censura férrea e dalgunha detención da que se saía grazas á axuda do xefe de policía, o señor Manzano, que escribía novelas do oeste baixo pseudónimo e que admiraba os literatos e artistas. 

Avilés de Taramancos foi talvez un outsider, mais un outsider que soubo manter o compromiso desde a individualidade emancipada e soberana

En 1961, con vinte e cinco anos, comeza a aventura colombiana, a loita pola supervivencia. Levaba nove dólares no peto e gastou cinco o primeiro día. Atopou un traballo de corrector de probas de imprenta e despois percorreu as selvas do Amazonas con Miguel de la Quadra Salcedo, coñeceu a Pataraíña -o galego que era xefe dunha tribo-, viaxou por Perú, Venezuela e Panamá, tivo unha churrería e traballou nunha embaixada... Improvisaba, como dicía el. Se cadra, estaba no certo García Bodaño cando dicía que a obra de Avilés non era máis que un “revelador diario sentimental” da súa vida. 

En 1980 regresa á Galiza, ou non: “Non hai regreso avoa / nunca / regresa o mesmo home / ao mesmo sitio”, deixou escrito. Pero, como apuntou Ana Romaní, cos Poemas da ausencia, escritos en Bogotá, xa iniciara o regreso. Nace a Tasca Típica en Noia, onde alenta tertulias e recitais e onde conta historias coma un Simbad de volta ás illas. E continúa a aventura, agora en forma de loita cívica: funda a Sociedade Cultural Catavento, preside a Asociación de Escritores en Lingua Galega, ocupa o posto de concelleiro de Cultura, polo BNG, en Noia... e escribe en cascada: publica O tempo no espello, Cantos caucanos, As torres no ar.

Avilés de Taramancos foi talvez un outsider, mais un outsider que soubo manter o compromiso desde a individualidade emancipada e soberana. Compromiso coa sociedade e compromiso coa escrita. A súa obra convértese nunha referencia central da poesía galega do seu tempo. Natureza, amor e patria confúndense nuns versos chamados a ser un manual humanista, un compendio de sabedoría altruísta e sensitiva. E sempre, desde un coñecemento penetrante da vida, desde unha singularidade que só se pode comprender atendendo á singularidade da súa traxectoria vital, tan parecida á de tantos galegos e galegas e, ao mesmo tempo, tan orixinal e irrepetíbel. 

Comentarios