Opinión

O Lugrís que eu querería ver

Talvez entre as páxinas da Obra viva de Antón Avilés de Taramancos está o mellor retrato que até hoxe se fixo de Urbano Lugrís. Desde logo o retrato máis emotivo, escrito, ademais, nunha prosa de extraordinaria beleza. E non só temos aí o retrato do artista, senón tamén a carta desesperada, certamente dramática, que un Lugrís de 54 anos que acaba de ser botado da pensión na que malvivía, aínda desolado pola morte da nai e da muller, abandonado por todos, sen cartos e refuxiado no alcohol lle manda a Avilés a Colombia en setembro de 1962, pedíndolle aquelas mil pesetas que tanto precisaba, unha carta que Antón recibe moitos anos despois na selva de Casenare cando xa o único que podía facer “o poeta con cara de mazá reineta” era escribir o pranto polo amigo morto, que, como ben sabedes, remata con aquel verso que expresa unha das dores máis profundas do ser humano: E esa dor de non verte, meu amigo! Abonda con ler a Avilés de Taramancos para sabermos quen foi Urbano Lugrís. Os seus textos, de forma íntegra, deberían figurar en todas as exposicións sobre este noso grande pintor e en todos os catálogos dedicados a Lugrís. Como Lugrís non tivo a sorte de aparecer n´As Vidas de Giorgio Vasari, nada mellor que a literatura de Avilés. Non estamos agora moi seguros, mais é posíbel que incluso fora o propio Antón Avilés de Taramancos o que nos descubriu a Urbano Lugrís nunha entrevista que lle fixera Margarita Ledo para A Nosa Terra ao pouco de regresar de Colombia o poeta, se mal non lembro antes da publicación d´O tempo no espello. Creo que naquela conversa naceu a nosa fondísima admiración por Avilés e por Lugrís, que segue viva como unha labarada.

Como Lugrís non tivo a sorte de aparecer n´As Vidas de Giorgio Vasari, nada mellor que a literatura de Avilés

Despois de Avilés foi Antón Patiño, o fillo de Antón Patiño Regueira, o que nos ofreceu a máis cabal aproximación á figura irrepetíbel de Urbano Lugrís, ao home e á obra, primeiro en 2004, nun libriño dunha fermosa colección de biografías de A Nosa Terra, e despois, en 2007, no extenso e documentado traballo que publicou en Edicións do Castro baixo o título de Urbano Lugrís (viaxe ao corazón do océano). Algún tempo atrás Patiño xa nos abrira a porta ao mundo de Lugrís nas páxinas que lle dedicou ao pintor no catálogo que se fixo para a exposición de 1997 no Auditorio de Galicia, en Compostela. Moitos outros autores escribiron igualmente sobre Urbano Lugrís, desde José María Castroviejo ou Mariano Tudela a Celso e Xosé María Álvarez Cáccamo. Hoxe, pois, non sería nada difícil montar unha exposición de Urbano Lugrís perfectamente entroncada coa súa biografía e en profundo diálogo coa cultura galega e co Madrid da República, onde coincide coas figuras máis destacadas daquel momento (Federico García Lorca, Rafael Alberti, Pablo Neruda, Alejandro Casona…) e onde mesmo vai ser encarcerado en decembro de 1930 con Carlos Maside por asinar un manifesto a favor da República. Son os tempos das continuas visitas ao Museo do Prado para ver as pinturas de Frei Angélico, O Bosco, Botticelli ou Patinir, o tempo das Misións Pedagóxicas, da Barraca, do teatro de marionetas, do seu traballo como titiriteiro e das súas primeiras exposicións, moi eloxiadas por críticos tan prestixiosos como D´Ors. A verdade é que a estas alturas contamos con todos os datos e todas as referencias documentais para descubrir a inmensa e fascinante personalidade de Lugrís no seu universo creativo e no seu tempo histórico.

Hoxe, pois, non sería nada difícil montar unha exposición de Urbano Lugrís perfectamente entroncada coa súa biografía e en profundo diálogo coa cultura galega e co Madrid da República

Cando un contempla a exposición de Lugrís que actualmente ofrece Afundación Abanca no Cantón Grande da Coruña, xusto ao pé de onde estaba o Café Galicia, tan frecuentado por Lugrís, e observa tamén o catálogo que se editou para esta exposición, non podemos deixar de quedar coa amarga sensación de que algo moi importante falta na mostra e no libro, e non é precisamente a obra de Urbano Lugrís. Non temos a menor dúbida de que esta mostra é unha oportunidade única para ver case toda a súa pintura mural e unha parte moi representantiva da súa plástica. Ollando esta exposición comprobamos que estamos ante un artista soberbio, iso está á luz, mais non sabemos ben de onde saíu, en que ambientes artísticos e literarios se formou nin cal foi a súa traxectoria vital, porque nin hai biografía, nin cronoloxía nin contexto social e histórico que ilumine a súa personalidade e a súa obra. Só unha cativa referencia nunha parede ás súas orixes familiares. No catálogo xa nin iso aparece, cando menos co tratamento e o espazo que merecía. Hai que recordar que seu pai, Manuel Lugrís Freire, foi un dos persoeiros máis sobresaíntes da xeración anterior á de Castelao, Vicente Risco e Otero Pedrayo, e súa nai, Concepción González Varela, unha magnífica pianista e organista, primeiro premio no Conservatorio de Madrid, que coñecía moi ben a música culta que se interpretaba nos concertos de Viena ou París. O seu tío materno Urbano González era tamén poeta e pintor e ilustrador de libros e revistas. E o escritor Francisco Tettamancy foi o seu padriño e unha das persoas que máis influíu na súa formación inicial. Por Avilés sabemos que na conversa con Urbano fluía de forma natural toda a historia da cultura galega e do país, pois “Na casa do vello Lugrís Freire -na vila de Sada- tratara desde neno a todos os que tiñan algo que ver coa Galiza de entre dous séculos. Desde o enterro de Curros e Pondal á Cova Céltica, desde o Manifesto de Cebreiro e Manoel Antonio ás Irmandades da Fala, da librería de Carré á fundación da Academia, a conversa de Urbano Lugrís abría unha páxina mítica que no meu corazón de poeta novo resoaba coma un río profundo nas raíces”.

Ollando esta exposición comprobamos que estamos ante un artista soberbio, iso está á luz, mais non sabemos ben de onde saíu, en que ambientes artísticos e literarios se formou

Urbano Lugrís criouse nun ambiente galeguista e humanista, no que estaba sempre presente a arela de liberdade e o soño dun futuro diferente para o país. Nese ambiente familiar descubriu a Xulio Verne e a Marcel Proust e aprendeu a recitar de memoria páxinas enteiras da literatura universal en alemán, en inglés, en francés, en catalán ou en portugués. E desde aí tamén todo o seu diálogo coa cultura galega contemporánea: Lugrís e Manuel Antonio, Lugrís e Cebreiro, Lugrís e Avilés, Lugrís e Maside, Lugrís e Cunqueiro, Lugrís e Garcés, Lugrís e Dieste, Lugrís e Isaac Díaz Pardo… Na exposición da Coruña non hai nin sombra de todo isto. É incomprensíbel que haxa máis interese en ofrecerlle ao público o NO-DO con imaxes de Franco inaugurando a Casa do Pescador en Malpica que a imaxe dos pais de Lugrís, de Tettamancy ou de Paula Vadillo, a muller coa que pasou os días máis felices da súa vida, ou aquela outra fotografía de Urbano Lugrís de ganchete con Avilés de Taramancos polas rúas da Coruña, a única memoria gráfica que ficou na historia daquela profunda amizade que se iniciou un día no Xardín de San Carlos, fronte á tumba de Sir John Moore. E o que xa nos resultou sorprendente é que a xeito de prólogo do catálogo figure un texto de César Antonio Molina no que nos fala fundamentalmente do óleo de Lugrís que ten na súa casa desde hai décadas e que, por certo, non podemos contemplar na exposición. Repito, unha certa sensación de decepción ao comprobarmos con amargor que algo falta nesta mostra de Urbano Lugrís e no catálogo para termos unha visión cabal do artista desde dentro da cultura galega. Desde nós. É moi ilustrativo que o catálogo só estea en castelán, iso si, coa correspondente tradución ao final ao galego e ao inglés. A nosa lingua, en definitiva, como unha lingua estranxeira. Hai que dicir -porque non todo o que complementa a obra pictórica de Lugrís merece a nosa crítica negativa- que nas paredes, á beira dos murais e dos cadros, si están os textos en galego. Como debe ser nun país que ten lingua propia.
 

Comentarios