Tizón, ánimas, Trubincos e outras tradicións das semanas do Nadal

As celebracións do ciclo das presentes festas comprenden varios días. A Noiteboa, Nadal, Santos Inocentes, San Silvestre, Aninovo e o Día de Reis. Segundo sinala a 'Nós Diario' o antropólogo Rafael Quintía, son "as clásicas festas do cambio de ciclo presentes na cultura galega e internacional". Explica que neste tipo de celebracións "repítense determinados ritos presentes noutros períodos como Defuntos ou San Xoán".
 
O espazo Eira da Xoana, impulsado por Adega en Agolada, traballa en recuperar a tradición do tizón de Nadal (Foto: Xosé Salvadores).
photo_camera O espazo Eira da Xoana, impulsado por Adega en Agolada, traballa en recuperar a tradición do tizón de Nadal (Foto: Xosé Salvadores).

“As ánimas están presentes na nosa cultura tradicional desde defuntos e continúan en Nadal”, afirma Quintía, quen lembra que “aínda non hai moitos anos, en Noiteboa deixábase comida na mesa ou non se cambiaba o mantel por ser algúns dos seres do alén se aparecían”. Nese sentido, explícase que nalgunhas áreas da Galiza “sexa o día da chegada do Apalpador ou do Pandigueiro”.

Os ritos da fertilidade

A Noiteboa aparece asociada aos ritos da fertilidade. “Por iso”, explica Quintía “nesa data mallábase unha arbore que non daba froitas ou mesmo se esparexía cinza polas terras de cultivo para garantir unha mellor produción”. “Moitas veces a cinza que se botaba nas terras procedía da madeira que se queimaba ese día”, conclúe Quintía. 

Unha das tradicións máis importantes desa data é o tizón de Nadal. Segundo Vicente Risco, “é un cañoto grande dunha árbore, que nas montañas do leste da provincia de Lugo, en moitos sitios da de Pontevedra, e noutras terras, botan ao lume na noite do 24 de Nadal, e deixan queimar deica a metade, e o que queda gárdano para cando hai treboada; entón, bótano de novo a arder na lareira, para arredar o pedrazo e os raios”.

Risco refírese ao emprego da cinza do tizón de Nadal como fertilizante. “Nalgúns lados”, sinala, “semella que aproveitan a borralla para botaren nos eidos, o cal que é un verdadeiro rito fertilizante de maxia agraria. Mais tamén ten relación coa presenza das ánimas da familia na noite de Nadal, arredor do lume” .

O tizón de Nadal

A presenza e función do tizón de Nadal aparece recollida en moitas publicacións desde mediados do século XIX. O célebre volume de Jesús Rodríguez López Supersticiones de Galicia, publicado en 1895, apunta que se prende na noite de Nadal "un gran lume, maior que ningún outro no ano". "Nese lume, bótase un groso tronco que se debe prender todos os días do ano", recolle.

Rodríguez López, que coñeceu a tradición de primeira man nas terras dos Ancares, afirma que “a referida madeira ten un carácter sagrado, para facelo arder cando ameaza unha gran calamidade, un pedrisco ou unha importante nevada”.

A crenza de orixe precristiá está moi presente en diversas culturas europeas. Así, por exemplo, existen ritos análogos en Alemaña, onde celebran “o cepo de Nadal” e en Italia a “Festa do Cepo”. Tamén nas Illas Británicas ou en Francia goza de gran predicamento un biscoito ligado ao denominado “tizón de Nadal”.

O caos

Quintía salienta a ligazón dos ritos da Noiteboa co caos. A este respecto, recorda como Vicente Risco recolleu que “na Misa do Galo, os homes adoitaban botar cinza na pía da auga bendita, tirar bombas fétidas na igrexa ou mesmo coserlle as saias ás mulleres mentres escoitaban a misa”.

Os Trubincos e o bacallau con coliflor

Noiteboa é tamén a data da chegada dos Trubincos. Segundo Quintía, nalgunhas comarcas ese día coábanse nas vivendas “estes trasnos rebuldeiros e típicos do Nadal”, na busca do seu correspondente agasallo. No caso de non contar na casa cunhas boas carocas de brea para eles, procederían a facer diversos tipos de falcatruadas.  

O bacallau con coliflor ou con repolo na cea de Noiteboa é a tradición desa data que mellor ten chegado até hoxe. A súa orixe está en que a véspera de Nadal foi durante moito tempo vixilia no calendario eclesiástico e iso facía que as carnes quedasen fóra da mesa dese especial día. 

A vixilia desapareceu mais o costume ficou e son aínda moitas as casas nas que nesta noite se sente o arrecendo forte da verdura mesturada co bacallau ao que logo se acompaña de aceite de oliva cru.

Comentarios