The Turre's Band celebra 20 anos publicando 'Zapatilla'

Entre os 19 temas do disco, o grupo realiza unha versión de 'Oda ó futbolín' coa colaboración de Xurxo Souto.
O grupo The Turre's Band (Foto: cedida)
photo_camera O grupo The Turre's Band (Foto: Cedida)

Defínense como "os delincuentes máis queridos de toda a Galiza" e levan 20 anos "dando 'zapatilla' polo país e o resto da península" por iso este novo traballo que presentan na sexta feira leva o nome de Zapatilla.

The Turre's Band nace na parroquia mosense de Torroso no ano 2001. Un grupo máis perto das brass bands americanas con esencia enxebre galega composto por Diego Cabaleiro, Rubén Porto, Manuel Castro, Pablo Sotelino, Javier Romero, Juanjo Penas, Daniel Gregores, Adrián Sousa, Gustavo A. Barcia, Ricardo González, Gustavo Barcia, Camilo Martínez, Francisco Valcárcel e Gabriel Porto. 

O seu LP componse de 19 temas "nos que tanto maiores como cativada non poderán deixar de mover os pés, ou máis ben as zapatillas", sinala o saxofonista e cantante principal do grupo, Diego Cabaleiro, en conversa con Nós Diario.  

Entre diversos temas do traballo, o grupo destaca cancións como a versión galega de "Killing in the name of" de Rage Against the Machine, "Non me movas os marcos", onde tratan o problema cos lindes desde un punto de vista máis humorístico. 

Ademais, como homenaxe a un dos referentes da historia da música galega como foron os Diplomáticos de Monte Alto, The Turre's Band realiza a súa versión da famosa canción "Oda ó futbolín" no que o propio Xurxo Souto pon a voz principal. 

Este disco, que conta con Isaac Palacín (Berrogüetto, Tanxugueiras) como responsábel de gravación e masterización, publicarase en todas as plataformas dixitais na sexta feira, día 18 de xuño

Ademais, o grupo estará na Sala Rebullón o sábado ás 12.30 horas para realizar un concerto de presentación de Zapatilla ao aire libre e con entrada de balde. Contan con outros dous traballos no mercado, Algho hai! e A última verbena

Comentarios