Contracultura

Teresa Moure: "Grazas ás persoas que coñeceron Zeca Afonso puiden acceder á súa fala e personalidade"

Teresa Moure presenta a súa primeira publicación como guionista de banda deseñada, 'Zeca Afonso. Balada do Desterro' (A Central Folque), unha obra ilustrada por Maria João Worm, que recolle de maneira íntima a biografía do cantor portugués.
A escritora e profesora Teresa Moure (Foto: Nós Diario).
photo_camera A escritora e profesora Teresa Moure. (Foto: Nós Diario)

—Como se tomou a decisión de contar a biografía do Zeca Afonso nunha banda deseñada?
A Central Folque é unha editora sobre todo musical polo que Ramom Pinheiro xa tiña a idea de traballar algo sobre el, pensando tamén en que no ano 2022 se celebraba o 50 aniversario de que cantara Grândola, Vila Morena na Galiza. Este é un tema con controversia porque hai algúns especialistas que din que o tema xa estaba gravado naquel momento, polo que probabelmente xa o tería cantado noutro concerto. 

En calquera caso, é un feito que está na memoria colectiva galega, polo que parecía moi oportuno celebralo. Xa en 2021, Ramom falou comigo e propúxome este formato de banda deseñada, que foi algo que a min me deixou moi sorprendida, xa que eu nunca o fixera. 

O que me parece máis interesante deste proxecto é que Maria João sempre utiliza unha técnica diferente en cada obra. Esta quizais é un pouco exixente coa persoa que lea a novela, xa que emprega unha técnica de sombras chinesas, recortando material e fotografando.

Isto dálle unha textura peculiar ao traballo, que acaba por ser moi artístico e en converterse case nun libro de autora. Tamén se corresponde moi ben con algo que é habitual na miña escrita: a mestura de xéneros. Nesta obra hai cartas reais históricas que aparecen mesturadas con diálogos, voltas ao pasado para recoller a súa infancia e tamén diversos escenarios. 

—Como conseguiron facer un traballo de texto e ilustracións tan conectado?
Foi un proceso moi lindo. Nas presentacións en Portugal eu contaba as dificultades que había á hora de falar de alguén que é coñecido e que ademais forma parte da vida dalgunhas persoas que aínda seguen aquí. Por este motivo, eu sempre falo de verosimilitude histórica e sempre procurei ser leal ao Zeca.

No caso de Maria, ela foi sobre todo leal a min e foi unha maneira moi bonita de traballar, case como se fósemos a mesma persoa. Non é que ela non coloque a súa versión na historia, porque evidentemente está aí, mais si que intentou en todo momento ver o que eu vía na miña cabeza e ilustralo con moito amor. 

Cando comezamos a traballar eu xa lle entregara un texto organizado en viñetas e lle daba unhas indicacións case teatrais e ela pola súa parte fixo un traballo moi intenso de documentación histórica e xeográfica sobre determinados elementos como a luz en certos lugares de África, que non é habitual atopar por escrito.

—En relación coas dificultades ás que se refire, tamén está a cuestión de optar por unha biografía máis íntima e persoal que profesional. 
Digamos que ao falar dunha figura histórica moi coñecida e respectada, a min interesábame afondar na figura humana. Tamén un pouco para evitar que uns e outros se reapropien del. O contexto do que eu parto é que el está a punto de cantar no concerto da Coruña e está respondendo as queixas da súa filla maior, produto do seu primeiro matrimonio, expresadas cun sentido feminista ademais. Con isto quero dicir que hai unha parte real que está rigorosamente documentada, mais tamén hai outra que é ficción, porque esa conversa non tivo que ter lugar. 

Isto é algo que xa fixen antes noutras narracións históricas e que aquí encaixa moi ben porque na súa música tamén existe unha reinterpretación. El é un cantor que aborda a cuestión africana ou das clases populares, mais tamén ten algunhas letras cun contido feminista cuxa sensibilidade non se destaca. Así, busquei entre os galegos que o coñeceran, pero tamén me interesaban moito as galegas.

Grazas a Begónia Moa e Xico de Cariño puiden ter acceso a cousas que non atopas na documentación, como as características da súa fala ou da súa personalidade, de maneira que si é verosímil que el estivese preocupado pola filla maior ou que ás veces non se sentira totalmente conforme coas decisións que tomara.

Comentarios