A idea vén do cantautor Xoán Curiel, mestre de guitarra e composición en Teo, que lle propuxo ao concello celebrar un certame que premiase e promovese a nova creación de cancións en galego. “Pon en valor a canción de autor e xa ía sendo hora”, afirmou Curiel na presentación na que participou tamén Uxía, membro do xurado do certame, para quen “é unha iniciativa necesaria nun momento de moita diversidade cultural e moita riqueza”. O acto de presentación contou tamén coa participación da concelleira de Cultura, Carme Hermida e o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García.
O premio consistirá, entre outras cousas, na gravación dun disco, unha serie de concertos e promoción en prensa. As bases pódense consultar na web do concello de Teo. O nome da persoa gañadora darase a coñecer no festival que se celebrará o 5 de abril e no que participarán os oito finalistas seleccionados polo xurado.
A participación no Certame estase a animar cunha campaña nas redes sociais por medio do vídeo que explica o lema da convocatoria: “E ti, tes fame?” no que participan coñecidos cantautores e cantautoras como Magín Blanco ou Najla Shami. Segundo Curiel, a necesidade de crear na lingua é “o instinto primario que queremos saciar con este certame”.